Entrevista:FRAN ALONSO | Escritor | Luces

"A invisibilidade é unha estratexia que nos oprime"

Novelista, poeta, xornalista e editor, Fran Alonso é un autor prolífico. Logo dos poemas de 'O meu gato é poeta', vén de publicar 'Ninguén', un feixe de relatos sobre a comunicación e o illamento no mundo moderno

Levado pola súa curiosidade polas relacións humanas, Fran Alonso (Vigo, 1963) fixo unha viaxe acompañando un camioneiro galego na súa ruta. Daquela experiencia, en certo modo feita como reporteiro con ecos de Günter Wallraff, agromou o seu debut, a novela Tráiler (Xerais, 1991), que foi merecente do Premio Blanco Amor. Vinte anos despois vén de publicar Ninguén (2011), conxunto de relatos que transitan polos andares dunha comunidade de veciños e polas redes invisibéis da Internet. Nese tempo, a través dunha longa listaxe de títulos publicados, Alonso configurou un discurso sobre ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Levado pola súa curiosidade polas relacións humanas, Fran Alonso (Vigo, 1963) fixo unha viaxe acompañando un camioneiro galego na súa ruta. Daquela experiencia, en certo modo feita como reporteiro con ecos de Günter Wallraff, agromou o seu debut, a novela Tráiler (Xerais, 1991), que foi merecente do Premio Blanco Amor. Vinte anos despois vén de publicar Ninguén (2011), conxunto de relatos que transitan polos andares dunha comunidade de veciños e polas redes invisibéis da Internet. Nese tempo, a través dunha longa listaxe de títulos publicados, Alonso configurou un discurso sobre todo literario, pero tamén no ensaio e no xornalismo, verquido en case todos os soportes e formatos coñecidos, pegado á súa contemporaneidade, áxil e intelixente e adobiado co humor e a tenrura. Nel conviven o autor, o editor e o lector, pero segue pensando que o xornalismo é "a mellor forma de contacto coa realidade". Quizais a clave da súa actividade case febril e da súa capacidade para conectar con públicos de idades diferentes sexa o que el mesmo recoñece, que goza escribindo.

"O retroceso no uso do galego contrasta co magnífico estado da literatura"
"Eu pásoo moi ben escribindo, non son un escritor tráxico e fáltame tempo"

Pregunta. A vida nas cidades e Internet son as columnas vertebrais de Ninguén. Outravolta a contemporaneidade é o signo dun libro seu. É misión do escritor ser cronista do seu tempo?

Resposta. A miña é estar atento ao que sucede e explicar esa realidade. Eu interprétoa sen afán de achegar solucións. Impórtame a complicidade co lector, que se recoñeza neste estarmos condicionados por sistemas universais. Este libro explora a condición urbana, inexcusábel no mundo desenvolvido onde das cidades mana todo, o que non acontece nos países pobres. Ninguén tamén está no mundo de hoxe, representado metaforicamente nun edificio. Todo o que sucede alí pode pasar en calquera parte.

P. Vostede ten blog desde 2003 e foi dos primeiros escritores galegos en empregar a Rede como difusora da súa actividade e mesmo prolongación do seu traballo. Cara onde o leva a súa reflexión sobre Internet?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

R. Adoito pensar en como inflúe en nós e no noso comportamento. A meirande transformación dáse nas relacións humanas e a aparencia di que son a ciencia e a tecnoloxía o que máis cambia. A capacidade da Rede para salvar distancias é o máis significativo e, en xeral, é algo bo que, ademais, cambia os tipos de relacións. Tradicionalmente, as relacións estaban determinadas pola inmediatez e a veciñanza; hoxe agroman noutros contextos.

P. Unha lectura posíbel do relato que dá título ao volume alude á aparición de novos problemas, como pode ser o estado de anguria provocado polo silencio. O terror pode ser a ausencia de respostas ou que os aparellos calen.

R. A rede pode ter usos perversos, como as redes de pedofilia ou a circulación dos hoax, esas noticias falsas que se convirten en enganos masivos e que poden incorporar elementos que fan a vida imposíbel a persoas reais. Os tweets dalgunhas persoas moi coñecidas circularon a xeito de burla... e, ao mesmo tempo, ese mesmo soporte é o que canalizou as revolucións árabes. Cando escribía o relato Lista de correo, pensaba en canta xente descoñece aínda certos mecanismos da Rede, dado que a "segunda alfabetización" ou ciberalfabetización aínda está en marcha. Hai persoas que corren o risco de quedaren desfasadas. E despois están os problemas de conexión. Por incríbel que pareza, mesmo na área metropolitana de Vigo hai zonas onde non chega Internet.

P. Outro trazo de Ninguén é a inmersión da lingua na comunicación dixital, as redes sociais e, en certo modo, a informática.

R. O reto preséntase cada vez que te enfrontas a usos reducidos. Tes que crear, habilitar e forzar a lingua. Levala aos límites dentro do críbel e do natural, rexeitando estrañezas. A lingua ten que ser verosímil. Con todo, existen territorios complicados. Éo a xiria dos adolescentes, habilitada maioritariamente en castelán.

P. E diante da desaparición alarmante de medios de comunicación en galego, poida que esta crise tamén estea comprometendo o futuro da lingua?

R. Descoñezo o fondo da cuestión en termos de xestión empresarial, pero está claro que estamos nun momento de tránsito en que os que primeiro caen son os máis débiles. A iso cómpre sumar que os nosos representantes institucionais eludiron facer que a información chegase tamén nunha das linguas dos galegos. Por outra parte, hai tempo lin unha estatística que reflectía que o galego era unha das linguas máis empregadas en Twitter. Hai un amplo sector galegofalante que trata de impulsar a lingua a través das novas tecnoloxías. Pero é evidente que hai un retroceso nos usos. Esa pésima circunstancia, en contraposición co magnífico estado da literatura e da creación en galego produce un enorme contrasentido. Perviven moitos prexuízos, como a identificación de lingua e opción política, cando as linguas non teñen ideoloxía, son patrimonio da cultura. A sociedade galega debe decidir.

P. Este verán entregou aos seus lectores un libro en formato electrónico, Contesta ou disparo, que recompila as súas entrevistas a 34 persoas da cultura e da política galegas na súa etapa de oficio xornalístico en Diario 16 de Galicia. Meses antes, publicou O meu gato é un poeta, un volume que suma textos, ilustracións, a música de Xurxo Souto, que ten continuidade nunha web e que foi un exitoso libro de poesía para todos os públicos. Agora estrea libro e xa ten polo menos outros dous nas posicións de saída. Celebra vostede 20 anos de escrita pública a bo ritmo!

R. Eu son un escritor amplo e heterodoxo que explora ámbitos diferentes para responder ás interrogantes que xorden. Sempre foi así. Transito entre os xéneros segundo como necesite expresarme en cada momento. Para categorización crítica é unha desvantaxe, mentres que para min é unha grande vantaxe que me permite non repetirme e descansar, porque eu o paso moi ben escribindo, non son un escritor tráxico. Fáltame tempo para vislumbrar ideas acerca dalgunhas cousas que non existen e que poderían facelo!

P. Referiuse con anterioridade ao presente como unha "transición". Cara a onde imos?

R. Eu son favorábel á sociedade dixital, pero tamén considero que debemos ser moi críticos con ela. As novas tecnoloxías están a mudar radicalmente a comunicación, e tamén as relacións laborais e a edición... O novo paradigma debería ser plural e aberto e cumpriría que nel o acceso á cultura se fixese a través de plataformas independentes e non por medio do oficialismo das multinacionais, tamén as da rede. O mercado ten unha potencia desgarradora: ás veces nos eclipsa e outras nos visibiliza. Asemade, intervén un poder invisíbel, como demostra esta crise, mediatizada e provocada, e a nosa imposibilidade para saber quen son os seus responsábeis. Antes era máis doado poñerlles nomes e apelidos, agora os gobernos carecen desa potestade. Nese feito radica a nosa impotencia, esa invisibilidade é a que nos oprime, e é unha estratexia do poder político, do económico, das grandes empresas... que carecen de oficinas físicas, mesmo de teléfonos aos que poder chamar. Cada vez estamos máis mediatizados nese senso, cada vez é máis difícil denunciar.

Archivado En