Luces

Primavera de imaxes

O Outono Fotográfico de Ourense medra como rede de imaxes por todo o país

Fotografías que inzan a paisaxe cultural igual que as follas enchen os camiños estes días. Antonte comezou o Outono Fotográfico (OF), que non é un certame, senón un auténtico espazo expositivo en rede, sen parecido ningún coas outras convocatorias de España. O OF empezou hai 29 anos, da man de Benito Losada, responsable da daquela Casa da Xuventude de Ourense, con catro exposicións. Nesta edición, a primeira sen el (Losada morreu o febreiro pasado), as mostras, entre individuais e colectivas, achéganse ao cento e medio e expóñense ata decembro nos centros culturais da provincia de Ourense, var...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Fotografías que inzan a paisaxe cultural igual que as follas enchen os camiños estes días. Antonte comezou o Outono Fotográfico (OF), que non é un certame, senón un auténtico espazo expositivo en rede, sen parecido ningún coas outras convocatorias de España. O OF empezou hai 29 anos, da man de Benito Losada, responsable da daquela Casa da Xuventude de Ourense, con catro exposicións. Nesta edición, a primeira sen el (Losada morreu o febreiro pasado), as mostras, entre individuais e colectivas, achéganse ao cento e medio e expóñense ata decembro nos centros culturais da provincia de Ourense, varios do sur de Lugo e nas principais cidades galegas e, polo tanto, tamén de Barcelona. Os autores superan o medio milleiro. "Agora que Benito non está podemos dicir o que a súa modestia lle impedía dicir a el: o Outono é un auténtico festival galego da imaxe", asegura un dos organizadores, Xosé Lois Vázquez.

O cárcere centra dúas das mostras dun festival con máis de 500 autores

Outono Fotográfico "mestura o colaborativo co antropolóxico. É a radiografía do estado actual da fotografía en Galicia", considera Vázquez, porque acolle desde autores emerxentes aos clásicos, e o 80% das exposicións individuais están feitas especificamente para o certame ourensán. As propostas dos fotógrafos son todo un arco da vella de intencións e resultados. A que abriu o Outono antonte no Museo Municipal de Ourense, Prisión sen presos, presos sen prisión xurdiu a partir do peche da vella cárcere da Coruña, en 2009. Os seus autores, Nacho Romero e Ángel Cordero, quixeron retratar á vez o recinto penitenciario abandonado e media ducia dos que nel viviron -Lisardo, Chouzas; Tito, O tigre de Teixeiro; Raquel, Media castaña-, "mostrar o momento actual de persoas e espazos logo de pisarse mutuamente durante, para algún, mais de 20 anos".

Trazos na parede, de Amador Lorenzo Blach, comparte o obxecto, a prisión coruñesa (e tamén sede expositiva), pero non o obxectivo. Neste caso é facer un retrato visual e sonoro (con sons gravados no momento de facer as fotos) non da convivencia, senón do illamento, "retratar os presos sen os presos". No que xa parece moita casualidade, estes dous non son os únicos traballos carcerarios. Na prisión -en funcionamento- de Pereiro de Aguiar estará, desde a semana que vén, Tarot, un proxecto da catalá María Vernet, que comezou como obradoiro de fotografía no penal barcelonés de Lledoners, cos reclusos usando cámaras estenopeicas (feitas con caixas de zapatos ou latas de refrescos) e derivou cara a produción das cartas do tarot, desde o atrezzo e a escenografía ás fotos finais.

Obviamente, as exposicións que se poderán ver, en cafés ou salas de arte, teñen moitos máis enfoques. Tamén os fotógrafos van do alfa ao omega. Alberto Martí, profesional coruñés aínda en activo aos 88 anos, recolle en Adeuses 73 fotografías sobre o éxodo galego cara a América, desde A Coruña e Vigo, que fixo entre 1957 e 1963. Pola contra Thupten Chophel, que naceu en 1967 en Vigo como Martín García Pérez e hoxe é monxe budista e fotógrafo, presenta unha colección de imaxes obtidas en mosteiros da India, España e Indo-Tibet. Esta non é a única incursión en mundos menos próximos (aínda que con accións administrativas similares). Os últimos días de Sulukule, do levantino José Alvado, conta o caso deste barrio de Istambul, centro de referencia da cultura xitana desde hai séculos, que en 2007, tras a designación da cidade como capital da cultura europea 2010, foi derrubado.

A maiores das exposicións, o Outono Fotográfico inclúe proxeccións, cursos e mesmo concursos, como un de fotografías co móbil organizado pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova, cos poemas de Celso Emilio Ferreiro como inspiración obrigada. "Diante da aceptación da fotografía como manifestación artística, a necesidade de espazos e festivais específicos debera diluírse. Pero estamos en época de transformacións profundas, que no mundo fotográfico se traduce nunha grande pandemia de cámaras, moitísimas en permanente dispoñibilidade (teléfonos móbiles), achegándonos á formulación do Homus fotográficus", di no catálogo o outro organizador Xacobe Meléndrez Fassbender, citando a Joan Fontcuberta. Meléndrez e Vázquez están a crear a Fundación Benito Losada como a entidade que garanta que o OF sobreviva.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En