Reportaje:A LANTERNA MÁXICA | Luces

O extra que mudou en estrela

Fernando Rey tiña a súa vocación na arquitectura, mais a Guerra Civil non lle permitiu rematar os estudos e pagou ser fillo dun militar republicano: foi retido nun campo de concentración, do que logrou fuxir. A súa situación persoal era delicada e o azar levouno a realizar unha proba como extra e aí atopou o camiño para gañar a vida. Logo chegoulle a oportunidade de exercer de dobrador e asentouse no espectáculo, combinándoo co teatro. A Laurence Olivier púxolle voz en español durante anos. O seu primeiro papel con certa importancia na gran pantalla foi en 1944, en Eugenia de Montijo....

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Fernando Rey tiña a súa vocación na arquitectura, mais a Guerra Civil non lle permitiu rematar os estudos e pagou ser fillo dun militar republicano: foi retido nun campo de concentración, do que logrou fuxir. A súa situación persoal era delicada e o azar levouno a realizar unha proba como extra e aí atopou o camiño para gañar a vida. Logo chegoulle a oportunidade de exercer de dobrador e asentouse no espectáculo, combinándoo co teatro. A Laurence Olivier púxolle voz en español durante anos. O seu primeiro papel con certa importancia na gran pantalla foi en 1944, en Eugenia de Montijo.

Daquela era un actor moi diferente ao que logo acadou sona internacional. Francisco Regueiro é un dos directores cos que máis traballou e lembra: "Daquela riamos del porque era un intérprete moi engolado, realmente moi malo, e cando aparecía en pantalla asubiabámolo. Na Escola de Cine non se nos ocorría que o puidésemos chamar para facer nada con el".

Fillo de republicano, na guerra fuxiu dun campo de concentración

En 1961 comezou a súa colaboración con Luís Buñuel en Viridiana e a partir daquel momento a visión que se tiña do galego transformouse completamente. "Vímolo en pelis de Buñuel e o inxenio e a imaxinación do director soubo poñelo no seu sitio. A súa morte en Tristana chegou a altas cotas artísticas e comezamos a namoralos del. Máis tarde, Ángel Fernández Santos e eu escribiamos para el. Inventamos o papel de pai de Franco en Madregilda para que intervise na película", indica Regueiro. Pola súa banda, o actor lembraba deste xeito a súa relación co cineasta aragonés no programa Boa Noite, da TVG, nos oitenta: "O encontro con Buñuel sucedeu nun momento no que eu estaba deprimido e con desexos de abandonar. Atopeime cunhas posibilidades que eu non sabía que podían existir nesta profesión e tamén comezou unha amizade extraordinaria. Traballar con el abriume as portas internacionais, xa que era como unha lambetada para outros cineastas contar comigo e nalgunhas películas, dígoo como chiste, a min me contrataron só para que contase cousas de Buñuel".

French Connection, dirixida por William Friedkin en 1971, gañou cinco Oscar e constituiu un suceso enorme. Rey foi contratado para interpretar ao narcotraficante francés. "Había un axudante de dirección que me coñecía e pensou que podía dar ben o personaxe. Nos cines estadounidenses proxectábase Tristana e Friedkin foi vela, pero comentou que era un señor demasiado maior, e o axudante díxolle que non era así, que só estaba moi caracterizado. Chamáronme e alí fun. Logrou ser unha película moi famosa, pero durante as filmacións pensábase que fracasaría e na cuarta semana interrompeuse a rodaxe porque os xefazos da Fox crían que era tan mala que preferían perder o diñeiro investido antes que rematala. Logo dunhas discusións seguiron adiante e, curiosamente, o seu éxito salvou á Fox, que estaba en números vermellos". Do valor do filme, da súa importancia histórica e da repercusión do papel protagonizado por Fernando dá boa mostra o feito de que na gala dos 80 anos dos Oscar de Hollywood en 2007. Nunha das montaxes que adoitan realizar fixeron un percorrido pola historia do cine e alí aparecía a secuencia na que o coruñés saudaba burlonamente cun aceno ao policía encarnado por Gene Hackman.

A popularidade lograda con ese filme foi un recoñecemento, pero o galardón máis importante logrouno baixo as ordes doutro aragonés, Carlos Saura, quen lle ofreceu o papel principal de Elisa, vida mía, co que acadou o premio de interpretación en Cannes. Rey lembraba na conversa con María Xosé Goyanes a chocante situación que se produciu coa súa vitoria. "Nos festivais hai sempre moitas presións para os premios. Aquel ano os italianos facían presión para que o levase Alberto Sordi, pero o xurado deumo a min por unanimidade e a Roberto Rossellini, presidente do xurado, non lle gustou nada que mo concedesen e na gala entregoumo un funcionario francés. Foi unha situación violenta, posto que cando saín ao escenario a recollelo, nas tres primeiras filas, cheas de italianos, comezaron a berrar: Sordi, Sordi, Sordi!".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Fernando Colomo só dirixiu ao herculino nunha ocasión, mais viviu un feito único na súa carreira, que aconteceu cando filmaba unha secuencia canda Klaus Kinski. "Fíxolle unha fisura nunha costela ao empurralo nun plano no que debían ter unha tirapuxa e malia todo, Fernando ergueuse axiña, seguiu rodando e a toma valeu. No resto da rodaxe debeu levar unha vendaxe. O de Kinski foi unha proba dura para todos". Afortunadamente para o realizador contar co coruñés facilitoulle o traballo, "posto que achegou moita seguridade. Era un home que aproveitaba continuamente o plano coa súa ollada".

O único Goya que gañou foi filmando Diario de Invierno, con Francisco Regueiro detrás da cámara. "Lembro un plano nesa película rodado de noite en Madrid en exteriores no que veu dicíndome. 'Paco, que fago? Non sei que facer'. Díxenlle: 'Neste momento tes un medo enorme. Es o que dá a morte', e saíu todo perfecto. Actuaba cunha enorme tranquilidade e naturalidade e, á vez, era fráxil. Viaxando con el ao estranxeiro comprobabas a súa popularidade. Sempre foi moi educado, cordial e cun sentido do humor excelente. Rodou Madregilda moi enfermo e fíxoo coa tranquilidade que dá saber que estás preto da morte. En Diario de invierno lavábase nunha ducha rústica e saía en pelota picada cun goce enorme porque nunca o sacaran espido e quería que na pantalla se lle coñecese vestido, espido e con todas as peles humanas. Foi unha persoa extraordinaria", remata Regueiro.

Fernando Rey participou en máis de 230 películas. Exerceu como presidente da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España e entre as súas distincións salientan a Medalla de Ouro de Belas Artes, o Premio Nacional de Cinematografía e o título de Cabaleiro das Artes e as Letras concedido polo Estado francés.

Archivado En