Reportaje:Luces

O mes da escena alternativa

Os habituais da vangarda teatral española pasan en marzo por Vigo

A estrea en Galicia da última montaxe da compañía Provisional Danza, A Fondo, abre esta noite (22.00 horas) a VII edición do festival de teatro e danza Isto Ferve, dirixido polo Teatro Ensalle de Vigo. A compañía da coreógrafa e bailarina Carmen Werner, Premio Nacional de Danza 2007, é a primeira das catro que, durante as fins de semana de marzo, pasarán pola sala da rúa Chile para integrar un cartel de auténticos clásicos da escena contemporánea estatal canda Magrinyana, Cambaleo Teatro e El Canto de la Cabra. Acoden con montaxes novas e mesmo estreas absolutas, pero os catro grupos xa...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

A estrea en Galicia da última montaxe da compañía Provisional Danza, A Fondo, abre esta noite (22.00 horas) a VII edición do festival de teatro e danza Isto Ferve, dirixido polo Teatro Ensalle de Vigo. A compañía da coreógrafa e bailarina Carmen Werner, Premio Nacional de Danza 2007, é a primeira das catro que, durante as fins de semana de marzo, pasarán pola sala da rúa Chile para integrar un cartel de auténticos clásicos da escena contemporánea estatal canda Magrinyana, Cambaleo Teatro e El Canto de la Cabra. Acoden con montaxes novas e mesmo estreas absolutas, pero os catro grupos xa son habituais dunha casa que, desde 2003, é viveiro artístico e porta de entrada en Galicia da vangarda creativa que se coce en Valencia, Cataluña, Madrid ou Andalucía.

No Teatro Ensalle, con carácter de laboratorio, suman 90 funcións anuais
Na sala están preocupados pola escasa atencións das Administracións

"Estas compañías levan 25 anos traballando e investigando e, coas súas traxectorias, propiciaron recoñecementos como o do Ministerio de Cultura pola creación dun circuito específico para a creación escénica contemporánea", lembra unha das directoras de Ensalle, a actriz Raquel Hernández. Os responsábeis do teatro vigués subliñan o carácter de laboratorio que teñen esta caste de locais. "As salas alternativas somos o I+D+i da escena: hoxe descubrimos o que dentro de dúas décadas estará nas programacións. As institucións oficiais están obsesionadas coas cifras de público, pero hai que pensar que xente como Rodrigo García, que vén de estar no Teatro María Guerrero, ou Angélica Lidell, presente no Festival de Aviñón, naceron en teatros alternativos, onde non buscaban encher, senón pescudar", reflexiona o outro director da sala, o dramaturgo Pedro Fresneda.

Logo de estrear na sala Cuarta Pared de Madrid, Provisional Danza afortala a súa sintonía artística habitual co Ensalle presentando en Vigo A Fondo, unha coprodución cos xaponeses Transparence dirixida por Werner e na que Fresneda se encarga das luces. A vindeira proposta é a estrea absoluta de Dende as sombras. Bufóns e pallasos, producida pola compañía Magrinyana e interpretada polos galegos Paula Carballeira e Xan Solo. Escrita e dirixida por Antonio Fernández Lera, outro nome esencial na escena contemporánea, e traducida ao galego polo escritor Miguel Vázquez Freire, a peza foi presentada como proxecto no I Encontro de Artes Escénicas organizado polo Foro Costa da Morte en Muxía, en xullo de 2010. Na segunda metade do mes chegarán El mapa no es el territorio, de Cambaleo Teatro e cos irmáns Antonio e Carlos Sarrió á fronte, e mais Tierra pisada, por donde se anda, camino, de El Canto de la Cabra.

O festival Isto Ferve é un dos dous certames estábeis promovidos pola sala anualmente. Xunto co ciclo Catro Pezas, que se celebra en novembro, as dúas citas supoñen ocasións especiais que adoitan reservarse para estreas. As xiras das compañías galegas, estatais e internacionais ocupan unha das poucas programacións fixas dedicadas en Galicia a estas expresividades que cada ano suma 90 funcións. A presente tempada, a oitava na vida do Ensalle, culminará antes do verán coa apertura dunha nova serie, Vigo en bruto, destinada a amosar o traballo de creadores emerxentes. No entanto, a compañía propia da sala e homónima, acaba de comezar, este mes, os ensaios da que será a súa produción número 17. Estrearáse na Arxentina o vindeiro agosto, onde xa teñen comprometidas datas desde o verán pasado, cando pasearon o nome de Vigo por varias cidades de Arxentina, Uruguai e México.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

As funcións trasatlánticas da compañía computan nas 75 representacións acumuladas durante o ano pasado e até xaneiro de 2011. Sesenta aconteceron fóra de Galicia, porque Ensalle leva dous anos sendo seleccionada para o circuíto alternativo estatal, entre 300 compañías de España. Pola experiencia reunida, observan con preocupación a escasa atención que, na súa opinión, lles dirixen as administracións locais, nomeadamente, o Concello de Vigo. "Coido que non saben que significamos", lamenta Fresneda, quen non pode evitar comparar o trato que reciben eles co recoñecemento que outras compañías, como Chévere, Sarabela e Teatro do Morcego, obteñen dos seus respectivos municipios (Santiago, Ourense e Narón). Mentres que o departamento de Cultura vigués contribúe con 8.000 euros á celebración do Isto Ferve 2011, cada un destes concellos, con poboación inferior aos 300.000 habitantes de Vigo, achega a cadansúa compañía unha cantidade non menor dos 50.000 euros anuais.

Esa contribución económica é unha das condicións indispensábeis para acceder á convocatoria de subvencións á continuidade de compañías residentes da Axencia Galega das Industriais Culturais que, en contrapartida, este 2010 concedeu outros 80.000 euros a cada unha das tres compañías seleccionadas. "Se pechamos mañá", explica Fresneda, "o concello aforrará os case 50.000 euros cos que axudou a esta sala nos seus oito anos de vida, pero na cidade se deixarán de ingresar os 200.000 euros que, de media, investimos en cultura desde Vigo cada temporada". No Ensalle non só están dispostos a cumprir a esixencia, que marca a convocatoria, de realizar un mínimo de 60 funcións anuais, senón que satisfan os demais requerimentos profesionais (actividade profesional, anos de experiencia, media de ingresos, domicilio en Galicia e residencia nun espazo escénico de titularidade, neste caso, privada). "Levounos dous anos conseguir que as compañías cobrasen como calquera profesional. Tamén os fontaneiros o fan e coidamos que agora mesmo o teatro e a danza son fontanería cerebral".

O Alt fai dez anos e celébrao con 15 funcións

Coa edición 2011, que arrincará o vindeiro xoves, o Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo (Alt) celebra a súa primeira década de existencia. Organizado pola asociación cultural Noescafé Teatro e mailo Concello de Vigo, en colaboración con Agadic e outras institucións públicas e privadas, até o vindeiro 20 de marzo o Alt propón 15 funcións dunha ducia de compañías que, como novidade, foron seleccionadas por responsábeis doutros festivais e teatros do Estado, Portugal e Italia, como o galego Mateo Feijóo, ex director artístico do Teatro La Laboral de Xixón e actual asesor do Ministerio de Cultura; Carlos Tejo, director de Chámalle X, o festival de performance da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Narcís Puig, adxunto á dirección do ciclo Radicals Lliure de Barcelona, Sylvie Cavacciuti, do Festival Teatro a Corte de Turín e Mariví Martín, directora do Festival Veo de Valencia, entre outros.

"Os elixidos para poñer as dez velas de traxectoria do Alt son dez dos mellores representantes no ámbito estatal e tamén internacional, da realidade das artes escénicas contemporáneas. Estas relacións son o resultado dos dez anos que o Alt leva dándose a coñecer polo resto de festivais, estatais e internacionais, levando a Vigo a conectarse cunha realidade cultural máis aló da nosa comunidade", explica a directora do certame, Lola Correa. Alén dunha fórmula orixinal de programación, segundo Correa, as súas escollas debuxaron un menú variado "que supón unha recompilación do que teñen sido estes dez anos de festival polos que pasaron un cento de compañías: calidade, mestura e multidisciplinariedade".

O vindeiro 10 de marzo, un programa dobre e gratuito, patrocinado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para celebrar o Día Internacional da Muller, abrirá o certame coa presenza de Nut Teatro, no Museo de Arte Contemporánea (Marco), e da bailarina Nuria Sotelo, dirixida por Ana Vallés, no Auditorio do Concello. Seguirán sete días de espectáculos repartidos entre eses dous escenarios e maila Praza da Constitución, porque a rúa é outro plató inseparábel deste festival polo que pasarán nomes como o artista visual británico Neil Harbisson, o primeiro home do mundo en ser recoñecido oficialmente como cyborg (combinación de persoa e de computadora) polo seu ollo electrónico que corrixe unha enfermidade hereditaria. Ao igual que acontecera na edición 2010, este ano o Alt presenta unha versión máis compacta e reducida en canto a espazos, funcións e actividades paralelas, por mor da mingua dos aportes económicos. "O ano pasado notamos máis os recurtes, agora xa nos imos mentalizando; ademais, cómpre sermos austeros nestes tempos", afirma Correa.

Archivado En