Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Murguía, o primeiro cidadán galego

O rapaz está atordoado e expectante, a ulir o cheiro da pólvora nunha rúa de Santiago, ouve as ordes dos oficiais do comandante Solís e os berros dos feridos: a Xunta Revolucionaria de Galicia, que durante uns días foi un goberno imaxinado e dirixido por Antolín Faraldo, está a ser derrotada polas tropas da raíña Isabel. A súa nai chama polo raparigo para que se recolla na casa e está a piques de cerrar o portal tras del cando asoma un home ferido. O home arrastra un fusil e foxe das tropas inimigas, ábrese paso no portal a buscar o abeiro daquela casa. Non hai outro remedio que asistilo e ago...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

O rapaz está atordoado e expectante, a ulir o cheiro da pólvora nunha rúa de Santiago, ouve as ordes dos oficiais do comandante Solís e os berros dos feridos: a Xunta Revolucionaria de Galicia, que durante uns días foi un goberno imaxinado e dirixido por Antolín Faraldo, está a ser derrotada polas tropas da raíña Isabel. A súa nai chama polo raparigo para que se recolla na casa e está a piques de cerrar o portal tras del cando asoma un home ferido. O home arrastra un fusil e foxe das tropas inimigas, ábrese paso no portal a buscar o abeiro daquela casa. Non hai outro remedio que asistilo e agochalo. De contado pasan as tropas reais avanzando tras a desbandada dos revoltados que se están a parapetar en San Martiño Pinario.

Dedicou toda a súa vida a intentar realizar os ideais da Revolución de 1846
Con 20 anos marcha a Madrid aquel mozo pequeno, de gabán e perilla
Non existiría a Rosalía refundadora da literatura de non ser polo seu home
Polemiza co escritor e diplomático Juan Varela, xenófobo cos galegos

A revolución foi derrotada e o combatente ferido morreu das súas feridas nun cuarto agochado daquela casa. Aquela morte e a revoltura deses días é a que funda ao Manuel Antonio Martínez Murguía, esa rapaz de 13 anos que naceu en Arteixo, fillo dun boticario santiagués que tivo botica na Coruña e que volveu para Santiago cando o meniño tiña catro anos. Esa derrota e mais esa causa, as ideas liberais e Galiza como país, deixan marcado ao adolescente como se unha muxica saída da cabeza ardente do Antolín Faraldo prendese naquela cabeciña do adolescente. E sobre a admiración por Faraldo, o heroe deses días, levantará toda a súa vida futura ese estudante que, a que remate o bacharelato, cursará Farmacia, por contentar ao pai, e Historia, pola súa vocación. É a nai, vasca, quen estimula o amor polo país, pola xente, pola cultura propia, é dela de quen herda o rapaz a dureza. Murguía, aquel home pequeno e pacífico cidadán que herdou a dureza da nai e a fantasía do pai, agocha dentro del a un revolucionario ardente. Foi un militante case maníaco que dedicou todos os actos da súa vida a intentar realizar aqueles ideais da Revolución do 1846, mais el non vai suxeitar o fusil para arrebatar a nación galega senón que vai utilizar a palabra para construíla. A data do seu nacemento, o 17 de maio de 1833, vai asociada a dúas datas significativas na historia da Galiza: en 1833 desaparece administrativa e xuridicamente o Reino da Galiza coas súas sete provincias sendo troceado en catro provincias veciñas; o 17 de Maio foi o data que a súa futura esposa, Rosalía de Castro, escolleu para a publicación do libro Cantares Gallegos como un agasallo polo seu aniversario, día en que celebramos o Día das Letras. 1833 e 17 de Maio, a morte do reino e o renacemento da literatura para un país.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

O mozo comeza a armarse de palabras no Liceo de la Juventud, onde acode a mocidade con inquedanzas artísticas, rapaces contaminados polo recordo daquela revolución romántica de anos atrás. Por alí pasan Pondal, Aurelio Aguirre e, pouco despois, Rosalía. Con 20 anos marcha a Madrid aquel mozo pequeno, de alto chapeu, gabán e perilla, abrirse paso no xornalismo e na edición. Neses días publica unha serie de contos e novelas en castelán, algunha de grande éxito editorial, e algúns poemas, entre eles un en galego, A nena das soledades. Deses anos é un libro significativo, La primera luz, no que a xeito dun catecismo con preguntas e respostas instrúe nas biografías, na xeografía e na historia da Galiza. Ese libro encarna precozmente o espírito de Murguía, un ideólogo e organizador do galeguismo liberal que terá unha longa vida activa.

En Madrid coñece a Rosalía, de quen tiña referencias, e que se estrea por eses días como escritora cun primeiro poemario. Logo dun ano de tratárense, casan. Trasládanse endebén a Galiza, aínda que non terá acougo nun enderezo definitivo: viven en Lugo, A Coruña, Vigo e Lugo, aínda volven a Madrid. Rosalía escribe o conxunto da súa obra neses anos, non tería sido a escritora que foi sen o labor de Murguía, que actuou como un entusiasta animador, crítico, propagandista e mesmo promotor da súa obra. Rosalía comezou de seu a escribir en galego estando en terras de Castela, que ela sentía como estrañas e alleas, mais sen dúbida non existiría a Rosalía que coñecemos hoxe como refundadora da literatura galega se non fose polo seu home. Murguía, o animador, o activista, chegou a manipular a obra e a figura da súa dona para que fose a musa do Rexurdimento. Aquel pulo non se detiña en cousa ningunha. Ese papel de verdadeiro creador de autores vémolo na súa relación con Eduardo Pondal. Pondal non tería sido o poeta que cantase aos antergos celtas, o autor da letra do himno, sen a guía de Murguía. A súa gran tarefa literaria, escribir unha épica do noso pasado, cargoulla o incansábel argalleiro, o mesmo que, seguindo a corrente cultural dominante na época en toda Europa, mitificou o noso pasado. Mitifica tamén aos seus contemporáneos no libro Los precursores, no que organiza unha galería de figuras de referencia dun país. Pouco e pouco vai tecendo o pano da literatura e historia nacional: Xelmírez, Pardo de Cela, Faraldo, Vicetto, Pastor Díaz, Añón, Aguirre. Pondal..., Rosalía. Un país que Murguía deseñaba na cabeza.

Seguiu a dirixir revistas, como La ilustración gallega y asturiana, e a escribir artigos e libros como a súa Historia de Galicia, en varios tomos a partir de 1865. Hai un antes e un despois da súa Historia. Porén, a historia daquel casal que comeza a ter fillos é un relato incesante de tropezos económicos. Murguía é nomeado arquiveiro e logo cesado, ás veces beneficiado polo ascenso dos liberais e case sempre perxudicado polo ascenso dos conservadores. En paralelo ao traballo de creación intelectual e de animación a un ou outro escritor, dá pasos para a organización política do galeguismo que concluirá na Asociación Rexionalista Galega en 1890. Antes de chegar aí Murguía foi decantando toda unha doctrina política, no ano 1886 publica un artigo, ¿Qué es nación?, no que teoriza a Galiza como nación e a España como estado de varias nacións. En 1891 pronuncia nos Xogos Florais de Tui un discurso en galego, toda unha declaración política.

Nese camiño de madureza intelectual e política marca territorio. Como lle ocorrerá no sucesivo a cada xeración que pretende recrear a nación galega baixo o dominio político e ideolóxico do Estado centralista, precisa enfrontar explicitamente e combater a ideoloxía do estado, o nacionalismo castelanista. A súa oponente intelectual foi a gran escritora en lingua castelá Emilia Pardo Bazán, quen gozaba de gran prestixio e poder e que tamén se encontraba incómoda ante a aparición da poesía de Rosalía acompañada do discurso político de Murguía, da causa do galeguismo que obrigaba aos intelectuais a un compromiso co país. Dona Emilia fixera comentarios ambiguos sobre a obra de Rosalía, e argumentara que o lugar da lingua galega era a poesía costumista e rural, mentres que para a literatura universal era indicada a lingua castelá. Murguía encontra o momento de confrontar esas teses, que eran as dominantes, nunha polémica co escritor e diplomático Juan Valera, quen xa manifestara a súa xenofobia cara aos galegos ("se creen ustedes ingleses y no son más que gallegos", dixéralle a un portugués). Murguía contesta a Valera: "La verdadera lengua, gallega o portuguesa -para el caso es igual- la lengua que nos es propia (...) idioma y no patué, como con visible desconocimiento del asunto, le denominó alguno pretendiendo que en su calidad de lengua inferior, sólo debe usarse en la poesía idílica y rústica. Ella sabrá por qué." O "el" de Valera fúndese co "ela" da Pardo Bazán.

Aínda animará a creación dunha academia da lingua que se concretará na Real Academia da Lingua Galega en 1906. A súa vida prolóngase no século XX respectado e recoñecido polas xeracións posteriores, aparece en actos públicos relevantes como un patriarca, e así é chamado. Até o ano 1923 en que falece. Atrás ficaron Rosalía, Pondal, Curros, varios dos seus fillos... Por diante proseguía a xeración das Irmandades da Fala, de onde nacería o Partido Galeguista de Bóveda, Castelao, Otero. Por diante de Murguía pode haber o país que se queira, falta querer.

Archivado En