Reportaje:Luces

A ascensión definitiva de Maruja Mallo

A Fundación Caixa Galicia reúne a máis ambiciosa retrospectiva da pintora

Na capela ardente de Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995) non houbo longas ringleiras de admiradores, nin siquera desfile de autoridades para rendir tributo a unha artista galardoada coas medallas de Ouro das Belas Artes (1982), da Comunidade de Madrid (1990) e da Xunta de Galicia (1991). Tampouco acudiron os artistas que, nos seus últimos anos de vida pública, frecuentaron a compaña estrafalaria daquela anciá con exceso de maquillaxe, sempiterno abrigo de pel de lince e unha biografía extraordinaria.

"Ademais da súa familia, os que acodimos a despedila fomos o director da Fundació...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Na capela ardente de Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995) non houbo longas ringleiras de admiradores, nin siquera desfile de autoridades para rendir tributo a unha artista galardoada coas medallas de Ouro das Belas Artes (1982), da Comunidade de Madrid (1990) e da Xunta de Galicia (1991). Tampouco acudiron os artistas que, nos seus últimos anos de vida pública, frecuentaron a compaña estrafalaria daquela anciá con exceso de maquillaxe, sempiterno abrigo de pel de lince e unha biografía extraordinaria.

"Ademais da súa familia, os que acodimos a despedila fomos o director da Fundación Mapfre, a ministra de Cultura, que por aquel entón era Carmen Alborch, Juan Pérez de Ayala e mais eu", lembra Fernando Huici, comisario, xunto con Juan Pérez de Ayala, da exposición Maruja Mallo, organizada pola Fundación Caixa Galicia en colaboración coa Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SEEC) que xa se pode visitar no edificio municipal da Casa das Artes de Vigo. Alí permanecerán, ata o vindeiro mes de xaneiro, as 142 pezas, algunhas nunca antes expostas, que ambicionan constituír "a meirande e máis exhaustiva retrospectiva dedicada á gran transgresora da xeración do 27", segundo a directora da Fundación, Teresa Porto, para quen esta mostra "é un acto de xustiza coa artista plástica española máis importante do século XX e unha figura capital na renovación da arte hispanoamericana que, ata agora, permanecía semiagochada, como unha delicia só ao alcance duns poucos".

Ela considerábase primeiro cidadá do mundo e despois galega
Os expertos insisten en non encadrala unicamente no surrealismo

A exposición conta cun programa didáctico e de visitas guiadas que ten por obxectivo estender o coñecemento de Maruja Mallo a todos os públicos, en especial, aos escolares e estudantes de toda Galicia. En paralelo, o proxecto de restitución da memoria e do legado de Mallo terá outras ramificacións o vindeiro outono, como un documental dirixido por Antón Reixa que rescata as escasas intervencións audiovisuais da pintora e que incorpora testemuños de especialistas na súa obra; e dúas publicacións: o catálogo, con textos críticos sobre as súas diversas facetas artísticas, e un estudo biográfico de Carlos Nuevo Cal e Emilio Insua, galardoado co Premio Ánxel Fole de ensaio.

A da pintora de Viveiro, que se consideraba primeiro cidadá do mundo e despois galega, aínda é unha personalidade escasamente coñecida fóra dos circuitos especializados, ao contrario do que acontece con outros artistas e intelectuais do seu tempo, entre os que se atopan moitos dos seus amigos: Lorca, Buñuel, Alberti -un dos seus grandes amores-, Dalí, María Zambrano ou Ortega y Gasset, un dos seus meirandes valedores e que lle propiciou varias colaboracións como ilustradora na Revista de Occidente, entidade que mesmo organizou unha das súas primeiras exposicións individuais, no Madrid de 1928, na que se exhibiron dez cadros e trinta estampas. "Foi unha muller adiantada ao seu tempo, emancipouse na sociedade resesa que lle tocou vivir, sofriu o exilio e viviu como un ser apátrida, marcada polo nomadismo", indica Porto.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Conta a xornalista Carme Vidal nunha das súas biografías (Maruxa Mallo, A Nosa Terra, 1999), un feixe de anécdotas verbo do carácter libérrimo de Mallo, esplendorosa antes e durante a República no ambiente madrileño, cidade na que estudou Belas Artes na Real Academia de San Fernando: as súas festas co selecto grupo da Confraría da Perdiz, formada na Residencia de Estudantes, os seus paseos en bicicleta polo centro da cidade ou coa cabeza descuberta pola Porta do Sol ("os insultos e as pedras chovían sobre nós, eramos os precursores do sensombreirismo"), a súa intervención no concurso de blasfemias do café San Millán, un local do barrio da Latina vetado ás mulleres, ou o escándalo que se formou na casa da súa amiga Concha Méndez, a quen retratou deitada sobre unha cama. A nai acabou estragando o lenzo cun coitelo porque se lle asemellaba á maja espida de Goya. "Maruxa campou por todo Madrid loubando a intuición artística da nai de Concha Méndez que tiña comparado a súa pintura coa do xenio de Fuendetodos", escribe Vidal.

As dez salas do piso superior da Casa das Artes serven de escenario para os lenzos, así como os debuxos e os bocexos que revelan o seu proceso creativo, as fotografías e as publicacións da época destinadas a desmentir, entre outros tópicos, o que encadra a Mallo como pintora surrealista. "O surrealismo centrou a súa produción durante algúns anos, pero esa non é a Maruja fundamental", insiste Huici. Unha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios levouna a realizar unha estadía en París en 1931 co gallo de observar as novas tendencias do deseño escenográfico, eido no que iniciou moitos proxectos co poeta, despois frustrados. Na galería Pierre da cidade do Sena expuxo obras das series Estampas e Cloacas e campanarios, e suscitou o entusiasmo de André Breton, quen adquiriu un dos cadros. "Cando a nosa xeración a descobreu, ao seu regreso do exilio bonaerense, a mediados dos 70, aplaudímola como pintora surrealista e ela alimentou o noso entusiasmo adaptando, con referencias a Breton, unha conferencia que xa impartira nos anos 30 en Bos Aires", relata Huici.

A mostra, de feito, deixa constancia de moitas e variadas inspiracións na plástica de Mallo que, segundo Juan Pérez de Ayala, "representan a procura da harmonía vital": desde as festas populares que a fascinaron ao comezo da súa carreira, a humanidade da serie dedicada ao traballo, o tremendismo dos esqueletes, as naturezas vivas ata os estudos da etnicidade latinoamericana en máscaras e retratos de atletas e mesmo as viaxes cósmicas dunhas criaturas fantásticas que ela denominou "os moradores do baleiro".

Archivado En