Entrevista:MANUEL OLVEIRA | Director do Centro Galego de Arte Contemporánea | Luces

"Temos que chegar a máis poboación"

O director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Manuel Olveira (Porto do Son, 1964), afronta con optimismo o seu cuarto ano ao fronte da institución. Durante o seu mandato, o CGAC mudou a súa cara e pasou a se centrar nas tarefas de produción e investigación e preocupouse menos polas cifras de visitantes ou por presentar mostras espectaculares. O fortalecemento da colección do CGAC foi outro dos obxectivos de Olveira. A finais deste ano celebrarase en São Paulo unha gran exposición coas pezas máis representativas dos fondos do centro.

Pregunta. Cumpriu tres anos na dire...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

O director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Manuel Olveira (Porto do Son, 1964), afronta con optimismo o seu cuarto ano ao fronte da institución. Durante o seu mandato, o CGAC mudou a súa cara e pasou a se centrar nas tarefas de produción e investigación e preocupouse menos polas cifras de visitantes ou por presentar mostras espectaculares. O fortalecemento da colección do CGAC foi outro dos obxectivos de Olveira. A finais deste ano celebrarase en São Paulo unha gran exposición coas pezas máis representativas dos fondos do centro.

Pregunta. Cumpriu tres anos na dirección do CGAC. Satisfeito do traballo desenvolvido?

Resposta. Tres anos era un tempo necesario para poder debuxar un proxecto, porque traballamos a medio e longo prazo. En 2008 puidéronse ver as características deste proxecto, sobre todo nas liñas de produción e investigación que están dando os seus froitos. Estamos a elaborar moitas publicacións e, ademais, traballamos co contexto no que nos atopamos: a paisaxe galega, as cidades, etc. É momento de avaliar e de ver cal é o potencial cara ao futuro.

"Non esquezamos que traballamos nunha cidade de 100.000 habitantes"
"O noso contexto de traballo supera a nosa demarcación territorial"
"Algunhas pezas da colección valen dez veces máis que cando se adquiriron"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

P. Hai algún proxecto pendente que vaia poñer en marcha nos vindeiros meses?

R. A xente do mundo da cultura sempre temos máis proxectos dos que podemos facer. Pero estou moi satisfeito cos que temos sobre a mesa neste momento, porque dan a medida do que somos capaces de levar á sociedade. Para este ano mantemos o mesmo orzamento que tivemos en 2008, algo máis de tres millón de euros, e aínda que nos gustaría ter máis, estamos satisfeitos. Noutros departamentos houbo recortes.

P. Que actividades colleitaron máis éxito en 2008?

R. Cando falamos de rendibilidade cultural e artística a palabra éxito é relativa. Pode ser un éxito que iniciaramos hai tres anos un programa de performances no verán coa asistencia de 25 persoas por sesión. Agora temos entre 85 e 100 persoas. A cantidade non é espectacular, pero para nós a calidade do traballo desenvolvido e a creación dun público para esta actividade é importante. En xeral, a programación responde ao planificado a finais do ano 2005 e, ademais, é axeitada ao presente e con características diferenciais. De todos os xeitos, sempre hai exposicións que sobresaen especialmente, como foi a colectiva A batalla dos xéneros (2007) ou a dedicada recentemente á obra do artista brasileiro Waltercio Caldas.

P. Os museos de arte contemporánea son considerados elitistas por moitas persoas. Prácelle a apertura do CGAC ao público ou débese traballar ese aspecto?

R. Non hai que estar satisfeito nunca e temos que obrigarnos a facer máis. Pero non hai que esquecer que traballamos nunha cidade que non chega aos 100.000 habitantes, e nun terreo como a arte contemporánea no que a ditadura franquista significou unha gran paréntese que outros países non viviron. Non todo o mundo coñece nin valora a arte contemporánea. O noso traballo consiste precisamente en que cada vez capas máis amplas da sociedade coñezan e valoren a arte contemporánea. O que pasa é que ás veces se lle pide á arte contemporánea un éxito inmediato imposíbel no terreo cultural. Ás veces os propios medios de comunicación demandan unha espectacularidade que non é inherente á arte.

P. En Galicia, non se presta demasiada atención a artistas que veñen de fóra e pouca aos propios?

R. Non o creo. A proporción de artistas locais e foráneos é desigual en todas partes, mesmo en lugares con moita tradición como París. Vivimos nun mundo globalizado e todo circula constantemente. Obviamente temos que traballar coas raíces locais pero ao mesmo tempo cunha mirada global. Iso non quere dicir que os museos deban deixarse levar polo mainstream ou pola moda. Os museos temos que traballar cun contexto que permita facer entendible unha determinada liña de programación, pero o contexto non ten porque estar vencellado a un territorio. O noso contexto de traballo supera a nosa demarcación territorial. Por exemplo, Galicia ten moita conexión con Latinoamérica e debemos ter en conta este territorio á hora de traballar coa cultura.

P. Na programación de 2009 collerá moito protagonismo a colección do CGAC, que se exporá en varias mostras. Por que?

R. A colección do CGAC é moi importante, porque somos o museo de todos os galegos e temos que prestar unha atención especial tanto á adquisición de pezas coma á visibilización e ao estudio das mesmas. Levamos unha liña continua de exposicións temáticas ou individuais nas que aparecen pezas da colección. E tamén cada ano facemos varias mostras cunha presenza importante da colección. Até o de agora tratabamos de explicar a relación da colección coa museoloxía do propio centro, pero en 2009 imos facer dúas exposicións cunha perspectiva totalmente diferente. A colección é patrimonio de todos e, aínda que non temos previsto vender pezas, algunhas delas multiplicaron por dez o seu valor de mercado dende que o CGAC as adquiriu.

P. A colección continuará a exhibirse fóra de Galicia?

R. A nosa colección é unha das máis importantes da Península. Conta cunhas 1.300 pezas e estamos traballando moito para enriquecela. Tamén queremos amosar as pezas da colección no exterior. Nesa liña, no vindeiro mes de novembro, inauguraremos unha gran mostra no museo MASP de São Paulo, en Brasil. Este proxecto demostra a aposta do CGAC pola internacionalización da arte galega, na que tamén se inscribe a exposición dedicada a María Ruido, no museo Carrillo Gil de México DF en febreiro.

P. Da nova programación, que outras exposicións salienta?

R. Salientaría todas, pero por citar algunhas vai ser moi interesante o proxecto Galicia, anos 70, que se abrirá a finais deste mes e que non se centrará só na arte, senón que incluirá apartados dedicados á música, á arquitectura, ao teatro, etc. Pretendemos achegarnos a un momento esencial para enxergar a arte contemporánea e para enxergar Galicia en conxunto . Esta exposición responde ao obxectivo de reconstruír a historia recente da arte contemporánea galega. Pero ademais tratamos de seguir as novas correntes, e nesa liña irán exposicións que teñen coma fío conductor a construción da subxectividade. Nesta liña saliento unha mostra coma En todas as partes, unha reconstrución das representacións da feminidade, masculinidade, homosexualidade e outras cuestións clave na arte contemporánea. A problemática da subxectividade tamén está presente nas exposicións dedicadas á Escola de Boston e ao artista polaco Artur Zmijewski.

O director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Manuel Olveira, nunha sala do museo.ANXO IGLESIAS

Archivado En