Reportaje:Luces

Os chourizos de Heidegger

Un percorrido polas contribucións galegas á filosofía, en plena crise como disciplina académica

Resulta oprobioso que a materia de Filosofía perda unha hora no currículo escolar mantendo, sen embargo, a relixión as dúas horas das que actualmente dispón no bacharelato. Talvez a hora da filosofía xa chegou, porque cabe que pertenza a un mundo no seu ocaso, pero postos a despedirse e a desaparecer detrás do pano do teatro -con alto estilo, e facéndolle grandes reverencias ao público- debería de ir acompañada da súa mortal inimiga que, ao parecer, segue gañando batallas. A Igrexa en España ten por costume poñer cara de poucos amigos, sobre todo cando se trata das cousas de comer, e os gobern...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Resulta oprobioso que a materia de Filosofía perda unha hora no currículo escolar mantendo, sen embargo, a relixión as dúas horas das que actualmente dispón no bacharelato. Talvez a hora da filosofía xa chegou, porque cabe que pertenza a un mundo no seu ocaso, pero postos a despedirse e a desaparecer detrás do pano do teatro -con alto estilo, e facéndolle grandes reverencias ao público- debería de ir acompañada da súa mortal inimiga que, ao parecer, segue gañando batallas. A Igrexa en España ten por costume poñer cara de poucos amigos, sobre todo cando se trata das cousas de comer, e os gobernos, aínda que poñan cara de perigosos laicistas, acaban por pasar a comer co vicario e apandar. Ese adelgazamento da filosofía continuará ata a súa conversión nun vago recordo dunha época na que os países consideraban que estaban en débeda con certas tradicións intelectuais. Pero, quen necesita pasado cando non está previsto ningún futuro?

No entanto, non hai que poñerse cenizo. H.L. Mencken escribiu nun breve texto de 1927: "Na historia humana non hai antecedentes dun filósofo feliz: só existe na lenda romántica. Moitos entre eles suicidáronse; moitos outros expulsaron do fogar aos seus fillos e golpearon ás súas esposas. Iso non debe marabillarnos. Se queredes descubrir o que sinte un filósofo mentres práctica a súa profesión, ide ao zoolóxico máis próximo e observade a un chimpancé consagrado á aburrida e inútil tarefa de espulgarse. Ambos sofren espantosamente e ningún dos dous pode trunfar". Posiblemente o grande periodista norteamericano tiña razón, pero non cabe dúbida de que non deixa de resultar entretido contemplar aos simios e aos filósofos contándose as pulgas.

En Galicia máis que filósofos -acaso Amor Ruibal, e pouco máis- o que ten habido, e hai, é ensaístas. Nun país atrasado e cun gran peso da Igrexa, que ao parecer perdura en maior medida do que algúns inxenuos imaxinamos, é natural que contaramos cun grande pensador metafísico e relixioso como Ruibal e con polemistas e críticos sociais, pero a ausencia de masa crítica impediu un grande peso da filosofía, como na totalidade de España. A Unamuno e Ortega hainos que contar tamén entre os ensaístas máis que entre os filósofos.

Polo demais, por suposto, non hai unha filosofía galega. Talvez, se houbera que xogar ao vello xogo do esprit du pays a mirada se dirixiría inmediatamente a Francisco Sánchez, aquel escéptico tudense, que nos manuais consta como un dos antecesores de Descartes e que nos deixou un título impagable Quod nihil scitur ("Que nada se sabe"). Esas tres palabras decantan o que parece ser a tendencia instintiva dos galegos, tan dados, segundo o psiquiatra Santiago Lamas, á ambigüidade e ao pensamento difuso. Claro que, Marx, que non consta que tivera xenes do país, tiña como un dos seus lemas de cabeceira "Iso, depende", que poderían tomar como propio catro de cada cinco galegos segundo evidencias empíricas rexistradas nos bares e tabernas do país.

En Galicia non hai unha corrente definida de pensamento que poida constituír unha tradición. Otero Pedrayo dedicoulle un groso volume ao Padre Feijóo, unha das referencias imprescindibles no pensamento galego e español. Eduardo Subirats titulou un libro que tomaba ao crego ourensán como núcleo central da súa investigación La Ilustración insuficiente. Segundo Subirats, en España, dado o seu nivel de desenvolvemento económico, intelectual e moral, non houbo nada parecido ao Siècle des Lumières, a Aufklärung ou ao Enligthnment. Nese contexto, o Padre Feijóo sinala o punto álxido da Ilustración española, pero tamén os seus límites. Só abonda comparalo con Voltaire e o seu grito de guerra dirixido á Igrexa católica, "Écrassez l?infame", para percibir a diferenza.

De Mella a Brañas

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Pero no mesmo século XIX é posible atopar a teóricos tan distantes como o vigués Ricardo Mella, pensador e activista libertario, e Alfredo Brañas, un dos pais do rexionalismo conservador, de xenealoxía carlista, hoxe enterrado, con Rosalía e Castelao, no Panteón dos Galegos Ilustres. Ou Eloy Luís André, filósofo de influenza krausista que tivo o privilexio de estudar con Wundt, un dos fundadores da moderna psicoloxía. Ou Xohán Vicente Viqueira, de vida moi cedo truncada e que estaba chamado a ser o filósofo do galeguismo liberal. Viqueira contou cunha estupenda formación que incluíu estancias en París e Berlín con profesores da talla de Bergson, Durkheim, Simmel ou Cassirer. A el débense algunhas das mellores traducións de Hume ao castelán. Na liña inspirada por Brañas podemos atopar a Losada Diéguez, decisivo na conformación do núcleo ourensán que deu lugar á Xeración Nós.

O mesmo Otero Pedrayo é un pensador vigoroso. A delicia de ler os seus ensaios é insuperable. A súa cortesía e amabilidade como autor, o vasto das súas referencias intelectuais, a delicadeza e empatía á hora de interpretar as marcas e a simbiose entre os homes e a terra, fan del un autor único, que aínda espera o seu recoñecemento por parte do público culto hispánico, que o ignora. Era un xeógrafo, pero tamén un ideólogo da paisaxe. O actual revival de Chateaubriand, ao calor dunha revisión conservadora da Revolución e da Ilustración francesas, podería atopar en Otero un marabilloso expoñente da supervivencia dos temas do romanticismo na dereita nacionalista.

A xeración Galaxia deu froitos considerables. Ramón Piñeiro, coa súa Filosofía da Saudade; os médicos humanistas como García Sabell -amigo de Jünger, quen lle enviaba cada novo tomo das súas obras, e de Cocteau-, ou Rof Carballo, cos seus conmovedores estudos sobre a "urdime afectiva"-; e, finalmente, Celestino Férnandez de la Vega, autor dun famoso ensaio sobre O segredo do humor, a quen recordo sentado no Cantón Bar de Lugo e no Goberno Civil, onde era funcionario.

De Fernández de la Vega publicamos no seu momento na revista Luzes de Galiza unha tradución dun texto de Heidegger sobre Nietszche, produto da relación das xentes de Galaxia co célebre filósofo alemán e que deu lugar á publicación, nesa editorial, en data moi temperá, do ensaio Da esencia da verdade. Talvez a miña memoria falla, e me desculparán pero se non é vero é ben trovato: lembro escoitarlle, creo que a Manuel María -tamén puido ser a Piñeiro- que a relación con Heidegger viña dun certo militar lucense, o comandante Carballo, que decidiu dedicarse ao cultivo da filosofía e entrou en contacto co pensador alemán, ao que lle enviaba saborosos chourizos de Lugo que, ao parecer, eran moi do gusto do autor de Ser e Tempo.

Marcado polo exilio estivo Rafael Dieste, autor de El alma y el espejo, marabilloso libro de impecable factura literaria e que tamén agarda por un redescubrimento. Cando un considera a incuria que se cerne sobre a tradición ensaística e filosófica non pode máis que protestar contra a baixa consideración que leva ao esquecemento de textos tan límpidos.

O teólogo Andrés Torres Queiruga despuntou moi cedo con obras de grande influencia no mundo católico, especialmente en América Latina. A revelación de Deus na realización do home constitúe unha obra maior nun pensador que quere elaborar algo así como unha teoloxía posmoderna. No ámbito do diálogo entre o marxismo e Heidegger o historiador Felipe Martinez Marzoa é insuperable. A súa obra Lectura filosófica de El Capital é decisiva. Sen dúbida Marzoa, pouco coñecido, é un dos grandes do pensamento europeo de hoxe. Tamén Arturo Leyte, en Ensaios sobre Heidegger parte a partir dese punto. Outros autores como Carlos Fernández, vinculado á tradición de Galaxia, o marxista Francisco Sampedro, Luis García Soto, María Xosé Agra especializada no pensamento liberal e feminista ou quen isto escribe -acusado de veleidades posmodernas-, imos intentando deixar algunha pedra no camiño.

Dez reflexións desde Galicia

- Que nada se sabe. Francisco Sánchez. Espasa Calpe.

- Los problemas fundamentales de la filosofía y el dogma. Ángel Amor Ruibal. CSIC, 1972.

- O segredo do humor. Celestino Fernández de la Vega. Galaxia, 1963.

- Análise existencial do home galego enfermo. Domingo García Sabell. Galaxia, 1991.

- Ensaios sobre Heidegger. Arturo Leyte. Galaxia, 1993.

- La filosofía de El Capital. Felipe Martínez Marzoa. Taurus, 1983

- A rosa sen por qué.

A. Baamonde. Galaxia, 1997.

- Paz, guerra e violencia. L. G. Soto. Espiral Maior, 1983

- A violencia excedente. Francisco Sampedro. Laiovento, 2006.

- O suxeito posmoderno. Rebeca Baceiredo. Galaxia, 2006

Archivado En