Reportaje:A cultura non ten descanso. | LUCES

Os museos saen á rúa

Cine, música e 'performances' ao aire libre gañan terreo na programación dos centros de arte

Coa chegada do verán os museos e centros de arte galegos procuran novas fórmulas que permitan atraer máis visitantes as súas instalacións. A época estival é tradicionalmente un período no que nas visitas aumentan e os responsables dos centros están a organizar nos últimos anos distintas actividades para que o público que acode a visitar as exposicións poida atopar outras actividades que lle permitan gozar do aire libre e dos espazos próximos aos museos. Talleres, cine de verán, música electrónica ou performances serán algunhas das sorpresas que poderán atopar os visitantes que se achegu...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Coa chegada do verán os museos e centros de arte galegos procuran novas fórmulas que permitan atraer máis visitantes as súas instalacións. A época estival é tradicionalmente un período no que nas visitas aumentan e os responsables dos centros están a organizar nos últimos anos distintas actividades para que o público que acode a visitar as exposicións poida atopar outras actividades que lle permitan gozar do aire libre e dos espazos próximos aos museos. Talleres, cine de verán, música electrónica ou performances serán algunhas das sorpresas que poderán atopar os visitantes que se acheguen a estes espazos nas vindeiras semanas.

O festival ArTec unirá música electrónica e arte na fundación Luís Seoane de A Coruña
"O tipo de público é diferente. Veñen máis familias e aumenta o número de estranxeiros"

No entanto non hai que esquecer que os contidos expositivos e a oferta dos centros de arte das cidades galegas durante os meses de verán permite satisfacer as necesidades de todo tipo de públicos. Os máis interesados nas últimas tendencias da arte contemporánea poderán gozar de propostas coma a exposición que amosa os fondos da colección Pilar Citoler en Ferrol, mentres os que desexen contidos máis accesibles poden achegarse á gran mostra sobre a triloxía de El Señor de los Anillos, que se exhibe nas sedes da Fundación Caixa Galicia de A Coruña e Santiago.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será o que conte con máis actividades alternativas durante este verán. O feito de contar ao seu carón cun gran parque cheo de espazos verdes facilita a realización de actividades no exterior. Ademais dos obradoiros para nenos que tamén organizan outros centros coma o MARCO de Vigo e a Fundación Granell de Santiago, o CGAC organizará sesións de cine de verán durante os xoves dos meses de xullo e agosto. O primeiro ciclo terá coma protagonista a luz -con películas coma Morte en Venecia ou Manhattan- e o segundo, o musical con títulos coma The Band Wagon e The Rocky Horror Picture Show.

Outra das propostas innovadoras do CGAC durante o verán será a celebración dun ciclo de performances, que terá lugar no parque de Bonaval. O director do centro, Manuel Olveira, sinala que con este tipo de actividades o CGAC trata de adaptarse ao ritmo que marcan os visitantes, que nestas datas estivais reclaman outro tipo de actividades distintas ás habituais. "Os museos deben achegarse cada vez máis á sociedade e por iso é lóxico que fagamos actividades fóra do espazo físico do centro", explica Olveira, quen tamén subliña que nos meses de verán o número de visitantes ao CGAC medra nun tercio respecto dos que ten o centro noutras épocas do ano. "Ademais o tipo de público é diferente xa que veñen máis familias e a porcentaxe de visitantes estranxeiros increméntase moitísimo", apunta.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Pero non hai que esquecer que o contido fundamental do CGAC durante este verán será a actividade expositiva. Durante os próximos dous meses os visitantes do centro poderán ver mostras coma a dedicada ao ceramista galego Xavier Toubes xunto a outra que repasa os proxectos arquitectónicos realizados en Galicia ao longo dos últimos 25 anos. Os interesados na escultura poderán atopar tamén unha selección de pezas na terraza do museo, con pezas de Dan Graham, Manolo Paz ou Silverio Rivas, entre outros.

Pola súa banda, a Fundación Luís Seoane repetirá a fórmula que xa empregou con grande éxito de público o ano pasado e apostará pola música electrónica coma fórmula para atraer novos visitantes ao centro. Este ano pon en funcionamento o festival ArTec que unirá a arte e a música cunha serie de sesións de dj's que se celebran ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. O día 11 de agosto será o evento central do festival cunha festa que durará doce horas a partir do mediodía e á que asistirán destacadas figuras da electrónica nacional e internacional. Tamén intervirán artistas visuais e grafiteiros que pintarán un muro de grandes dimensións. ArTec é unha proposta innovadora en Galicia e que aspira a consolidarse coma unha alternativa na que se mesturan ocio e cultura.

A fundación Luís Seoane non esquece as exposicións e durante o verán as súas salas acollen a mostra How soon is now?, con artistas coma Mario García Torres, Lisa Oppenheim ou Mathias Poledna, e Paperback, que analiza o papel no mundo da arte as edicións de baixo custo.

A mestura entre arte e música tamén é obxecto de dous actividades que terán lugar dentro do festival Via Stellae, dedicado á musica antiga e barroca. Mañá celebrarase unha tarde de música no mosteiro de Sobrado dos Monxes e o vindeiro 15 de xullo terá lugar outro evento similar no mosteiro de Carboeiro, preto da localidade pontevedresa de Silleda.

Aqueles que prefiran as exposicións convencionais terán á súa disposición un amplo catálogo de propostas ao longo de toda a xeografía galega durante o verán. A obra gráfica de Keith Haring poderá verse na sede da fundación Caixa Galicia de Pontevedra e até o vindeiro 15 de xullo pode visitarse na Casa das Artes de Vigo unha das mostras con máis visitantes neste ano en Galicia, dedicada á artista de orixe polaca Tamara de Lempicka. Se viaxamos cara ao norte en Santiago podemos deternos na Fundación Eugenio Granell, que inaugurará proximamente unha exposición sobre o grupo surrealista americano Sonámbula.

Na Coruña abrirase o día 26 seis exposicións doutros tantos artistas no museo Unión Fenosa. O título do proxecto, Esto no es una broma, indícanos que o humor é o fío que une a creadores coma a brasileira Sandra Cinta, o portugués Joao Pedro Vale ou o galego Diego Santomé.

Se completamos o percorrido pola fachada atlántica até Ferrol alí atopamos, na sede da Fundación Caixa Galicia, unha mostra que recolle parte da impresionante colección de arte contemporánea de Pilar Citoler. Obras de Picasso, Joseph Beuys, Francis Bacon, Man Ray, Roy Lichtenstein ou Rafael Canogar forman parte dunha exposición que a través de esculturas, pinturas, fotografías e vídeos permite obter unha amplia panorámica da evolución da creación artística ao longo do pasado século. É outra das xoias que ten agochadas o verán cultural en Galicia.

Archivado En