Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Wall, Graham e a colección Barrié enchen o país de arte internacional

O CGAC dedica todas as súas salas a unha mostra sobre o fotógrafo canadiense

A semana coas propostas artísticas máis interesantes de todo o ano comezou onte en A Coruña coa apertura da mostra dedicada a presentar a colección de pintura contemporánea da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Pola súa banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abre mañá a gran exposición dedicada ao fotógrafo canadense Jeff Wall, que obrigou a pechar as salas do centro durante tres semanas para preparar unha mostra que ocupa todo o espazo expositivo dispoñible no CGAC.Por se fose pouco, a semana que vén presentárase na galeria SCQ de Santiago unha exposición dedicada a outro dos nomes importantes da arte contemporánea internacional, o estadounidense Dan Graham, que xa expusera os seus traballos hai moitos anos no propio CGAC.

"No mundo da arte as institucións distínguense polas súas coleccións"

Graham é moi citado por artistas contemporáneos de diversas disciplinas

A mostra dedicada á traxectoria de Jeff Wall no CGAC é, sen dúbida, o maior acontecemento artístico do ano na comunidade autónoma, tanto pola importancia da obra do artista canadense, que ten tamén unha importante obra teórica publicada, coma pola súa influenza no campo da fotografía artística ao longo das últimas décadas. O exposición chega a Santiago procedente do museo Bozar de Bruselas, que coproduce The Crooked Path [O camiño torto] xunto ao CGAC. A presenza de Jeff Wall en Santiago espertou un gran interese entre os críticos e medios especializados na arte contemporánea, tanto de España coma do estranxeiro.

Ademais dunha importante selección das obras máis destacada realizadas por Wall ao longo de toda a súa carreira, a mostra inclúe un bo número de obras de artistas que foron importantes no proceso de construción da base teórica sobre a que se asenta a obra do artista canadense. Pezas de Marcel Duchamp, Robert Frank, Walker Evans, Diane Arbus, Bruce nauman ou Dan Graham serven ao espectador para conseguir comprender mellor o discurso estético de Wall, un artista que soubo construír un universo propio con elementos tomados da pintura clásica, do teatro e do cinema.

Entre as pezas máis espectaculares de exposición destacan as xigantescas caixas de luz nas que o fotógrafo se converte nun pintor clásico para reproducir escenas da vida actual. Obras coma The Destroyed Room [A Habitación destruida], The Thinker [O Pensador] ou The Invisible Man [O home invisibel], todas elas presentes na mostra, son un bo exemplo deste tipo de obras que Wall converteu nunha icona do seu traballo. Dúas das salas superiores do CGAC acollen este tipo de pezas de gran impacto visual.

O comisario da exposición, o belga Joël Benzakin, deseñou un percorrido en dez estacións que funcionan coma capítulos nunha narración visual. O título da mostra, O camiño torto, fai referencia a unha obra de Wall en que pode verse a imaxe dun camiño estreito e ondulado que cruza unha terra baleira ao carón dunha zona industrial. É unha metáfora do camiño único que o artista canadense soubo facer no medio dunha gran cantidade de imaxes. As influenzas pictóricas, fotográficas, cinemáticas, literarias e documentais recebidas por Wall están presentes nas máis de cen obras que poden verse no percorrido.

No que se refire á mostra que presenta as obras da nova colección de pintura contemporánea da fundación Pedro Barrié de la Maza, o responsable das adquisicións e comisario, David Barro, explica que os obras elixidas tratan de respostar á pregunta ¿de que falamos cando falamos de pintura hoxe?. "A pintura xa non é unha técnica, é unha tradición e unha idea sobre a propia pintura, unha actitude", sinala Barro, quen considera que poñer en marcha unha colección deste tipo é unha "enorme responsabilidade" e tamén un traballo moito máis difícil que simplemente organizar unha exposición. "No mundo da arte, as institucións distínguense pola altura das súas coleccións e pola súa capacidade de singularizarse", engade Barro.

O feito de que entre os artista seleccionados haxa nomes que son habituais nas salas dos grandes museos de arte contemporánea do mundo, coma Imi Knoebel, Jason Martin, Fiona Rae, Helmut Dorner, Pedro Calapez ou Jean-Marc Bustamente, dá idea da importancia dos fondos iniciais da colección. Ademais, hai presenza de artistas galegos de fama internacional, coma Ángela de la Cruz, e doutros que teñen unha traxectoria destacada dentro do panorama artístico da comunidade autónoma, coma é o caso de Alvaro Negro ou Suso Fandiño, por exemplo.

A terceira mostra que abrirá as portas nestes días dedicada a un artista de renome internacional é a deseñada pola galería compostelá SCQ para mostrar a obra do artista conceptual estadounidense Dan Graham. Entre outras obras, exhibiránse catro maquetas dos chamados pavillóns onde Graham borra os límites entre arquitectura e escultura. O artista estadounidense realizou este tipo de construcións por todo o mundo e colaborou co propio Jeff Wall na construcción do Pavillón dos Nenos en 1989. Graham tamén é un artista importante pola súa contribución teórica. O seu nome é frecuentemente citado por artistas contemporáneos de diversas disciplinas, que tomaron conceptos das pezas de Graham para incorporalos as súas propias obras.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 11 de noviembre de 2011