_
_
_
_
_
Reportaje:A LANTERNA MÁXICA | Luces

O Goya galego esquecido

O mindoniense Victoriano López formou na técnica a Bardem ou Berlanga

Victoriano López García e Manuel Mur Oti son os únicos galegos que acadaron o Goya de honra como recoñecemento á súa carreira. Se no caso do cineasta Mur Oti o seu nome é ben coñecido no cine español, o mindoniense López é alguén a quen non se identifica co eido cinematográfico, e iso acontece porque foi especialista en cuestións técnicas. Victoriano recolleu o galardón na sexta edición dos Goya, en 1990, o que fala da excelente consideración do seu labor, xa que a Mur Oti non llo deron ata tres anos máis tarde. Á hora de botar unha ollada retrospectiva aos gañadores galegos do galardón, adóitase esquecer a López. Días despois daquel premio, realiceille unha entrevista radiofónica para a desaparecida Radiocadena, da que se extraen as declaracións aquí recollidas.

Aprendeu o cine en Mondoñedo, onde o seu tío posuía a sala da localidade

A súa paixón polo cine comezou na vila natal, xa que o seu avó era o dono do único cine de Mondoñedo. "O local estaba nun baixo do Casino e ía moito alí cos meus amigos, entre os que estaba Álvaro Cunqueiro", lembra. Victoriano estudou o bacharelato entre Vigo e Bilbao e máis tarde cursou estudos de enxeñería industrial en Madrid, onde posteriormente foi profesor. Dada a súa excelente formación chegou a catedrático na Escuela Especial de Ingeniería Industrial. En 1941 desenvolveu un curso de cine nesa escola de enxeñeiros industriais, a súa primeira achega para que o alumnado puidese encamiñar os seus pasos cara a cinematografía. Ao longo da súa andaina profesional ocupou diversos cargos con nomes que se adoitaban empregar noutras épocas, tan barrocos que arrecenden a burocracia, tipo Jefe de sección de materias primas en la subcomisión reguladora de cinematografía ou Jefe de sección de industria del servicio de ordenación económica de cinematografía.

No ano 1947 funda e dirixe o Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas, onde exercerá como profesor de óptica e cámara. "Estiven ao fronte desa institución varios anos e co paso do tempo foi denominada como Escuela Oficial de Cine. Polas súas aulas pasaron directores sobranceiros como Berlanga, Bardem e Borau e entre o importante profesorado que daba clase quero lembrar a José Luis Fernández Encinas, un galego que levaba o laboratorio e que tamén publicou algún libro sobre diversos aspectos técnicos no mundo do cine". Esa parcela educativa desenvolvida polo galego foi unha parte importante a valorar no seu historial polos encargados de conceder o Goya da Academia de las Artes y de las Ciencias Cinematográficas de España.

Naquela conversa manifestou que consideraba moi necesario dispor dunha escola de cinematografía: "Para min é fundamental formar aos futuros profesionais desta arte e nos anos en que funcionou amosou bo resultado ao preparar a moitos dos que hoxe traballan neste mundo". En canto ao que se precisa para chegar a ser realizador sobranceiro, matizaba que non existe unha fórmula para acadalo. "Cadaquén ten que ir na procura dun estilo propio e non debe imitar aos demais". Respecto aos tres destacados alumnos do centro formativo aos que antes fixo mención, salienta que foron quen de achar a súa personalidade propia. "Considero que Berlanga é o mais intimista, de Bardem máis cerebral e Borau amosou ser máis expansivo".

Victoriano colaborou en diversas publicacións, como Primer Plano, Espectáculo, Revista Internacional de cine e Radiocinema, onde incide nos seus escritos sobre a técnica, especialidade que dominaba e na que transmitiu os seus coñecementos por medio de varios libros como Lecciones sobre cinematografía ou Técnica del cine sonoro, en color y en relieve. Tamén fundou e dirixiu a publicación Cine Experimental, que afondaba neses apartados puramente técnicos, algo que non se podía atopar noutras revistas. "Mais só chegamos a facer 11 ou 12 números e logo desapareceu", lembra.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

No que atinxe á situación do cine naquel 1990, sinalaba que todo variara moito respecto a épocas pasadas. "Antes tiñamos oito ou nove mil cines en España e agora existen escasamente 2.000. O vídeo e a televisión fixeron mudar as estruturas económicas do cine", reflexionaba daquela. Cando subiu ao escenario a recoller o recoñecemento do Goya de honra tiña 80 anos de idade. "Para min foi importante que valorasen o meu traballo, desenvolvido fundamentalmente 40 anos antes de recibir a prezada estatuíña", afirmaba. Victoriano López non deixou de realizar visitas á súa terra natal, mais a súa vida asentou en Madrid dende os seus tempos de estudante. Foi alí e onde morreu en 1995.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_