_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os críticos de libros tamén se botan á Rede

Numerosos analistas literarios abren espazos propios en Internet

Hai dúas semanas que abriu ao público poesiagalega.org. Promovida polo grupo Alea de análise poética da Universidade de Santiago, e abeirada nos dominios do portal do Consello da Cultura Galega, a nova páxina conta cunha publicación semestral -"revista líquida", definiuna o coordinador do proxecto, Arturo Casas- dedicada á crítica. Pero a Revista de poesía, que supervisan as investigadoras Margarita Candeira, María López Sández, Montse Pena e María do Cebreiro Rábade, non incorpora ferramentas de interacción cos lectores nin procura un xénero particular para a análise na Rede. Porque estas son dúas das características que prescriben varios críticos literarios con práctica na Internet.

"O lector electrónico non demanda o mesmo texto que en papel", di Eyré
Para Requeixo, o estilo no blog abala entre o técnico e a apelación ao lector
Más información
Literatura.net

"Se dalgo estaba seguro é de que o lector electrónico non demanda o mesmo tipo de texto crítico que en papel", explica, vía correo electrónico, Xosé Manuel Eyré, "pero aínda non coñezo precedentes que me satisfagan". Durante anos analista de libros no extinto semanario A Nosa Terra, Eyré estreouse co blog Ferradura en tránsito en outubro de 2007 e adiantouse á vaga de críticos que veñen de se estrear no ciberespazo. "No ámbito da crítica, a referencia era a bitácora de Eyré", relata Ramón Nicolás, habitual do suplemento Culturas de La Voz de Galicia e que hai catro meses inaugurou cadernodacritica.wordpress.com. Entre os autores que se botan ao universo dixital, son maioría os que exercían os seus labores na prensa.

Eyré, que agora dá a coñecer o seu traballo na versión dixital d'A Nosa Terra, sinala entre as súas intención iniciais "que a crítica non aparecese desligada do resto de actividades diarias, culturais ou non, porque é unha actividade humana máis". Para iso, ensaia unha peculiar estilística en que, nas súas palabras, collen "títulos alternativos de capítulos, dramatis personae, adiantos da crítica, reflexións case en vivo ou adiantos do horizonte de expectativas". Armando Requeixo, pola contra, pensou o seu Criticalia (armandorequeixo.blogaliza.org) como "repositorio de traballos, accesíbel en calquera momento e indexado".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Requeixo escribe adoito para o Faro das Culturas -páxinas culturais de Faro de Vigo- ou Protexta -a revista de libros que entrega, cada tres meses, Tempos Novos- e dende xaneiro xestiona unha web á que xa lle vai atopando distancias coa publicación en papel. "Na Rede podes practicar unha sorte de pequeno ensaio que a prensa periódica non permite", expón, xusto na posición oposta a Ramón Nicolás, para quen na crítica virtual debe prevalecer a brevidade do post sobre a extensión propia de recensionar en papel.

Pero Armando Requeixo vai máis alá e teoriza sobre o que denomina cun neoloxismo, "blogocrítica". "Aínda a estamos definindo", argúe, "cun estilo intermedio entre a perfección técnica e a proximidade da apelación ao lector e coa posibilidade de abrir un diálogo hipertextual e multimedia". Nicolás, que arriquece as achegas do seu Caderno da crítica antes aparecidas en medios non electrónicos con outro tipo de entradas "máis breves", considera precisamente a brevidade "un mandamento a seguir na Rede".

"O texto en Internet debe ser dinámico, doado de ler e que suscite a reflexión posterior do lector", engade Xosé Manuel Eyré, "a este respecto, Internet ofrece posibilidades únicas como a axilización sen precedentes das notas". As opinións destes comentaristas literarios sobre a retroalimentación coa súa audiencia tampouco concordan. Todos admiten esa potencialidade ai tempo que o seu subdesenvolvemento. Eyré explica que o contacto cos lectores é "altamente positivo e arriquecente, aínda que ao ser un medio público, calquera pode botar man del para cizañar ou meterse co autor sen que veña a conto".

Para Ramón Nicolás, porén, a súa comunicación cos visitantes da bitácora "non é moi alta, pero como calquera outro blog". Admite que apenas ningún lector deixa comentarios nas entradas coas que revisa as novidades literarias e reduce ao feito lector "a interacción" dos usuarios. Armando Requeixo colócase noutro punto e amosa máis optimismo sobre o particular: "Propíciase un diálogo case en tempo real, pulsas o parecer dos lectores; de feito, non puxen ningún filtro de comentarios, porque me interesa saber o que pensan os visitantes, que digan o que queiran".

Fóra dos blogs individuais que reflexionan sobre o libro -Francisco Martínez Bouzas, Manuel Rodríguez Alonso, Alfredo Ferreiro son outros dos practicantes do xénero- existen páxinas en que a crítica se organiza a xeito de revista. A sección LG3, de Culturagaega.org, acolle unha recensión semanal e en Fervenzas Literarias atenden a todo canto ten a ver coas novidades editoriais en galego.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_