_
_
_
_
_
Tribuna:Luces
Tribuna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las tribunas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Unha nave en chamas, máis alá de Orión

O poeta baixaba sentenciado da nau Constantino Candieira. Sabía que o tempo enteiro se lle botaría encima ao poñer o pé en terra. Aprendérao durante as quendas de garda, case sen querer, nun transo de buguinas que ía suspendendo cada hora mentres finxía botar o fume cara ao horizonte; e aínda que nunca o contara a ninguén, e resultáballe fácil por mor da soidade, podía ver o Tempo. Daquela, antes de saltar ás escadas graníticas do peirao, viu unha navegación con aparencia fantasmal, murmurou os acordes de certa cantiga que nunca escoitara. Esta vez non sería el o frade de Armenteira, que tras sentir o doce chouchío da carriza reparou en que os seus contemporáneos estaban mortos, sería un mareante, e o cosmos estrelado o océano. Pero estamos comezando esta historia sen final polo final.

É máis útil Foucault ca Bakhtin para comprender como concibe Manuel Antonio a ruptura
Más información
Manuel Antonio liberado

En realidade o corpo de Manuel Antonio naceu no último relanzo do XIX, o século en que un proxecto político-cultural chamado Galicia encontrara por fin as palabras para manifestarse. Viña de agromar a través do fervor dos articulistas liberais e do non menos incendiario psicodrama rosaliano. Cando Manuel Antonio chegou á adolescencia xa era posible percibir o galeguismo como unha institución. E no momento en que o terzo alfabetizado do noso pobo comezaba apenas a balbucir no real os retos daquel discurso, un mociño de Rianxo semellaba empeñado en demoler a súa andamiaxe literaria.

Manuel Antonio esixiu ao ideario da Asemblea de Lugo que non se temese a si mesmo: fronte ás vacilacións en certos ámbitos, monolingüismo; fronte ao programa de autonomía, República galega. Ramón Cabanillas caíalle simpático; se cadra por iso non o cita no furioso Máis alá. Mais a súa prodixiosa intuición crítica -prodixiosa, e non só irreverente, se temos en conta o ano de publicación do manifesto- detecta no vate nacional do momento un impasse manierista que ameazaba de esclerose a poesía galega. Manuel Antonio percibiu que o manierismo poético e a cautela do programa das Irmandades termaban un do outro, enrestrados polo brazo, e cargou decididamente contra os dous. O xesto e os poemas que viñeron despois desexaban fundar unha época.

No entanto, nin a súa nin varias das épocas posteriores o deron dixerido. Tentaron despachalo poeta do mar, vangardista, etiquetas oportunas e convencionais. Salvando Álvaro Cunqueiro, que así e todo apenas imitara aquelas xeometrías incapaces da mínima concesión, os versos de Manuel Antonio pareceron resistirse ao diálogo. Vangardistas á moda occidental si foran os textos de Risco e Montes, tan subsidiarios da novidade que se esgotaron no seu propio entroido.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

En cambio o autor de Foulas amañouse, practicamente en cinco anos, para estudar os síntomas do futuro e integralos nun ambicioso universo poético, nunca á inversa. Non se trataba a vangarda de adornar o país con signos da modernidade: era un instrumento. Unha epopea, demasiado comprometida para quen aspirase a chegar a ancián, que o acaba emparentando con grandes vultos da arte contemporánea. Cando un personaxe de Tarkovsky hipnotiza o tempo na ouca do río, cando guía tristemente o coche por estradas grises e túneles escuros nunha secuencia interminable, recoñecemos o silencio de Manuel Antonio e preguntámonos como é que logrou chegar ata alí.

Para que un autor dialogue cómpre arriscar as preguntas. Demora en exceso algunha clave maior de De catro a catro porque non só os seus 19 textos esnaquizan o cronotopo das letras galegas daquel periodo, senón que cuestionan a utilidade dos vellos (e tranquilizadores) conceptos de espazo ficcional. Doutro modo: é máis útil Foucault ca Bakhtin á hora de comprender como concibe Manuel Antonio a ruptura. Por que escolle precisamente o océano para levala a cabo? Que posibilidades de discurso contén realmente o seu mar? Como se volvese nun bucle da posguerra do mundo, o poeta calmo e desolado advírtenos que nin sequera da beleza cómpre esperar nada. Na crónica da beleza, un xogo espiral de metáforas, reducida por veces ao estado de caricatura, ocúltase a lección do mestre, a fonte da que beben Xoán Carlos Rodríguez e Lois Pereiro: todo poema é póstumo e toda travesía a silueta da nosa rebelíón contra a morte. Manuel Antonio, lonxe do cyborg wagneriano de Blade Runner, regálanos unha viaxe en primeira persoa do plural, a caligrafía humilde do nós. Ao poñer o pé sobre a terra, o corpo do poeta virou nada. Pero a súa nave arde no cúmulo estelar NGC 6611, tamén chamado pola ciencia os piares da creación.

Xabier Cordal é poeta. O seu vindeiro libro, transmuta, sairá en Edicións Xerais

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_