_
_
_
_
_
Entrevista:XABIER QUIROGA | Escritor | Luces

"Aquí non houbo guerra, eu fago novelas de terror político"

En 2002 a crítica gabou, co Premio Losada Diéguez, a súa estrea como novelista. Atuado na braña marcaba as pautas dun estilo propio, mesto e intrigante, no que a preocupación histórica misturábase con espazos naturais da Galicia central. Xabier Quiroga (O Saviñao, 1961) volve a eses lugares con O Cabo do Mundo (Xerais), outra obra de grande alento na que os lectores procuran as claves da maldade humana nunha narración a medio camiño entre a ficción histórica e a novela negra.

Pregunta. Lendo O cabo do mundo semella regresar aos recintos de Atuado na Braña e dalgunhas outras obras súas. Creou un lugar arredor do que xira toda a súa narrativa?

Resposta. Seguramente. A idea da procura dun mesmo estaba sempre nas miñas obras, e escribindo sabía que se podía parecer a outros libros anteriores. Pero aquí o cerne é a represión. A novela xorde a partir da lectura dos traballos do Ano da Memoria Histórica [promovido polo anterior Goberno da Xunta en 2006]. Chamáronme moito a atención as escuadras do amencer, eses grupos falanxistas que andaban nas noites matando xente en 1936. Souben dun feito que sucedeu na miña vila, que foi un consello de guerra no que mataron a dous e un terceiro conseguiu zafar, e aínda vive en Vigo. Son os tres Antonios de Escairón. Dous entregáronse e no limiar de 1937 fixéronlles un consello de guerra e fusiláronos. O outro agachouse como unha toupa até 1941, que o pillaron na súa casa. Ese feito galvanizoume: como era posíbel que nun lugar pequeno, no que politicamente non pasou nada grave, e que neses días de xullo, seguindo indicacións do gobernador civil, apenas fixeron unha requisa de armas, se desatase unha represión tan feroz. Foi a semente do libro.

"O Cabo do Mundo existe, e funciona como metáfora do esencial da vida"
"O libro desatouse ao coñecer a represión feroz nun sitio como Escairón"
"O meu editor ironizaba: 'Otra maldita novela sobre a Guerra Civil"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

P. Mistura realidade e ficción?

R. A novela non é unha descrición do real, nin tan sequera os espazos ou as situacións son as mesmas. Como sempre, mesturo datos veraces e imaxinados. En Atuado na braña había outra espesura, recreábame no espazo físico do brañal, que sendo un lugar que existe, esténdoo partindo dun misterio de infancia. Cando era pequeno metíanme medo para que non me achegase a Bouzuás e non me metín polo camiño até os 12 anos. Calquera cousa que se movía, unha xesta, un lagarto e eu xa estaba cheo de terror polo que me falaran. Contívenme máis n'O cabo do mundo, que en borrador chegou a ocupar mil páxinas que reducín para non distraer dos acontecementos que remataban nunha dramática noite de 1936. Reviso moito os meus textos e sei que hai moitas historias que poderían voar por si soas, pero non quería desvirtuar o esencial.

P. O título remite un espazo xeográfico concreto?

R. O Cabo do Mundo existe, é un lugar espectacular nunha volta do Miño, entre Chantada e Escairón, que aquí funciona tamén como unha metáfora da procura do esencial cando a vida remata. Pero dubidei no título, que tamén puido ser A noite dos cans doentes.

P. Hai dous tour de force na novela, o escritor ameazado pola enfermidade e condenado a unha morte a prazo fixo, e a necesidade do ser humano de saldar contas co seu pasado e non aceptar a mentira.

R. Quería ter un personaxe central da miña idade colocado nunha situación límite. Sabendo que nos quedan meses de vida preguntámonos só polo esencial. Preocúpannos as obsesións que temos na cabeza, non o mundo material que temos ao carón. Coloquei dúas historias porque quería falar da represión franquista e tamén destecer unha historia amorosa que se dilúe ante a magnitude da represión.

P. A sensación de que houbo unha conspiración do silencio reflíctese na trama. Publicado en 2009, semella que as d'O Cabo do Mundo son historias deberan estar escritas hai décadas.

R. Pense que o historiador Dionisio Pereira foi procesado hai nada por publicar nomes de persoas implicadas na represión. Levamos 30 anos de atraso, pero cristalizou unha mentalidade de pechar os ollos. Mesmo a apertura das fosas comúns parécelle mal a algunha xente. O meu editor, Manuel Bragado, ironizaba na presentación do libro que axiña se ía falar doutra "maldita novela da Guerra Civil", cando o que estás é informando e cuestionando, desde unha literatura feita con vontade de enganchar ao lector. Aínda hai moitas historias para contar dese pasado, dese tempo suspendido do que ninguén quería falar. Aquí non houbo guerra civil, e polo tanto falaríamos máis de novelas de terror político.

P. O tremendismo da violencia política que vostede describe, ten algunha base real?

R. Hai personaxes e situacións inventadas, pero non conto nada máis espantoso que os mil feitos reais que coñecemos sobre a represión nese tempo. Tortura, mutilación, violacións, asasinatos, foron o día a día daqueles tempos.

P. Os seus libros parecen reivindicar que só a literatura é capaz de abordar unha explicación cabal da violencia.

R. A idea era descubrir uns feitos e explicar o que foi a represión franquista. Poñendo os personaxes en situacións límite tratei de destilar a esencia da vida. Nos meus libros aparecen redundantemente eses temas e ao final usei o mecanismo dunha novela negra. Hai quen me pregunta se eu son o personaxe, tamén escritor. Obviamente hai cousas miñas, pero iso é porque uso da realidade elementos que coñezo directamente.

P. A investigación é sobre un paseador, un asunto que se ten abordado en literatura en menor medida. O xornalista Viale Moutinho, por exemplo, publicara as cartas dun arrepentido que confesou algo do que fixeran en Tui.

R. Pero apenas hai máis, sobre as escuadras do amencer tense escrito pouco. E aínda que coñecemos moitas historias sobre os represaliados, os criminais non deixaron memorias nin reivindicación do que fixeron. Memorias de falanxistas represores apenas se coñecen. Unín os retallos soltos, lin as investigacións sobre os organizadores daquelas patrullas de choque da Falange, como Juan Canalejo, e souben do seu modus operandi. Por exemplo como rebuscaban nas fotografías das manifestacións obreiras para identificar un por un aos presentes. No traballo de preparación da novela consultei materiais gráficos de Escairón, como a manifestación do Primeiro de Maio de 1936. Nas Memorias de Ferro de Antón Patiño fala da represión na Coruña e Monforte, e sei de quen nesta vila collía as fotos e marcaba as persoas que despois foron pola noite a buscar os falanxistas ou sacáronos dos cárceres para matalos. Procurei non ser maniqueo porque cos anos o remorso tivo que facer moito dano nalgúns represores. Non falaron nin escribiron porque tiñan máis medo que os que mataron.

P. Aínda hai máis historias nesa xeografía literaria do Saviñao?

R. Non son escritor por encargo. A miña pretensión é escribir boas novelas e que falen do noso. E se quedan só esas catro obras que a min me teñen satisfeito pois que así sexa. Non quero ser un autor que fala do que non sabe, por ben escritas que estean as novelas. Non sei se será o meu Macondo.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_