Luces

Un programa sen memoria

No Partido Popular aínda non saben quen se encargará de cultura. Malia a que a súa oposición ao bipartito cargou especialmente sobre as políticas da área —célebres foron os rebumbios en pleno, escasamente documentados, do deputado Ignacio López-Chaves—, Alberto Núñez Feijóo semella apuntar cara a unha integración das consellerías de Educación e Cultura. E os asesores achegados ao líder da dereita remiten, "de momento", ao programa electoral para coñecer as liñas do futuro Goberno en materia cultural.

"Lingua, cultura e patrimonio", reza o epígrafe dun documento, o popular, no que, por caso, non existe ningunha mención á memoria histórica. Mesmo o apartado específico que dedica á Illa de San Simón obvia referenciar que, após a Guerra Civil, funcionou como campo de concentración de reclusos republicanos. Así, entre o laissez-faire e o desmantelamento, unha das actuacións máis intensas do executivo en funcións pasará ao ostracismo. Non acontecerá o mesmo no que atinxe á Cidade da Cultura. As Propostas para recargar Galicia —nome oficial do programa electoral do PP— realizan unha defensa pechada do Gaiás versión Fraga-Pérez Varela. Sen mención concreta ao gasto previsto, retirarán o adxectivo "nacional" aos edificios, unificarán as dúas fundacións (aínda que aceptan a participación privada), aseguran, e recuperarán o teatro da ópera.

Outro dos desmandados cabalos de batalla do parlamentario López- Chaves, a quen no partido xa non consideran interlocutor en cultura, centrouse na feira do libro da Habana de 2008. Segundo os planos electorais conservadores, a presenza de Galicia como país convidado en Cuba obedeceu "a criterios políticos" e non ao protagonismo "das empresas culturais e ás agrupacións do sector". Esquecen consignar o apoio público de editores, libreiros e escritores á convocatoria do departamento de Ánxela Bugallo.

Pero o corpo central das Propostas... ocúpao o patrimonio e inclúe a reforma da lei que, en 1995, aprobara Vázquez Portomeñe. O PP promete conservar a formulación do programa de difusión do bipartito —catro parques: castros, arte rupestre, megalitos e mundo romano— e pormenoriza outras actuacións, entre elas apoios económicos, previstos na lei de 1995, aos propietarios de Bens de Interese Cultural. Con todo, esas medidas non impiden a ruína técnica de fortalezas históricas como a de Pambre, en Palas de Rei.

As intencións escritas dos populares continúan con xeneralidades —"favorecer o papel das librarías como puntos especializados da venda de libro"— e atrévense a sentenciar: "O PPdeG dotará a todas as vilas de máis de 75.000 habitantes dunha biblioteca estatal".

* Este artículo apareció en la edición impresa del jueves, 19 de marzo de 2009.