_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces

Cando as palabras queren emigrar

Manuel Rivas

As últimas eleccións deixaron un dato histórico do que se debateu moi pouco en Galicia. O que ocorreu co voto emigrante e o que hai detrás desoutro abrupto descamiñar. En realidade, as grandes cuestións públicas non se están a debater. Ese encadeamento de electrochoques da besta omnipresente que vimos chamando A Crise, o que Noemi Klein explica moi ben n' A doutrina do shock, semella que vai tamén coméndose as palabras e as ganas de dicilas. Así que os debates van derivando nunha branda disputa entre o Fu e o Fa. Exemplos: o branqueo da "memoria histórica" de Manuel Fraga ou a insulsa competición por ver quen leva o temón na desorientación socialista, por non falar dos episodios de Galicia canibal no nacionalismo. Mais nada ou moi pouco se debate en profundidade.

Galicia existe en grande parte por mor da diáspora, da re-existencia da emigración

Da emigración, nin chío.

O voto emigrante en Galicia, que é unha grande porcentaxe do que corresponde ao total de España, caeu do 35% ao 4,21% do censo de "residentes ausentes". Este, o de "residentes ausentes", é un dos máis cínicos eufemismos técnicos da nosa historia contemporánea, outro produto do pensamento novo-rico. Ademais da burbulla inmobiliaria, a burbulla mental. E así tentouse facer desaparecer as palabras: emigrante, emigración ou diáspora. Deixaramos de ser un pobre país de emigrantes, para ser un rico país de inmigrantes. Mais os emigrantes existían. Vellos e novos emigrantes. Que facer con eles, con ese encordio? Como despegarse dunha vez do visgo morriñento? Xa non falemos do exilio. Que exilio? Hai peras que rabo levan! Vaillo contar a túa avoa!

Non, era imposíbel negar a realidade, mais o que se veu practicando de xeito prestidixitador foi unha especie de indirecto e encuberto negacionismo. Así, a emigración era unha cousa doutro tempo, un accidente histórico superado, e o exilio... iso xa era arqueoloxía do tempo da Guerra de Troia e a Odisea de Homero. Mais a realidade é teimosa, non para, non acouga. Non hai prestidixitador que faga desaparecer centos de miles de emigrantes. Nin o tecido solidario e cultural que, malia tantas adversidades, mantén aleuta a Diáspora, onde leveda esa Galicia transnacional, que partilla identidades e pertenzas sen complexos, que se implica e compromete no lugar onde vive sen por iso renunciar ao camiño de quita e pon, que cadaquén leva enrolado como lle peta, e que comunica coa nación do berce.

Que significa esta auténtica hecatombe na participación electoral? Se antes votaban 35 de cada cen emigrantes censados, na última convocatoria fixérono menos de cinco de cada cen. Haberá quen faga a broma de que desta vez non votaron os defuntos, como ocorreu nalgunhas convocatorias manipuladas polas redes de axentes ou tratantes que movían os grandes partidos. Ese caciquismo da diáspora non se desenvolveu por xeración espontánea, non. Fora argallado e explotado até niveis de delincuencia polas burocracias partidarias, aproveitándose en moitos casos das situacións de necesidade. Verbo da manipulación electoral na emigración, houbo moito político ao que lle acae o proverbio do hipócrita: ter palabriñas de santo e unllas de gato. Mais, non se dan casos así na Galicia metropolitana? Non hai acarrexos de votantes? Non se explota a penuria? Alegouse tamén que un emigrante non coñece a realidade galega dabondo como para decidir co seu voto. Iso é como non poder dar no burro e dar na albarda. Cantos galegos que residen en Galicia non viven no desinterese e na indiferenza sobre os problemas comúns? A cantos preocupa o futuro dos servizos públicos, a sorte do seu patrimonio natural e cultural?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Despois de anos de experiencia, de tratar xente de aquí e de acolá, podo hoxe atreverme a dicir o que hai tempo me parecería unha arroutada sentimental. Primeiro, Galicia existe en grande parte por mor da diáspora, da re-existencia da emigración e a herdanza do exilio, que conforman, en expresión hebrea, unha "patria invisíbel". E segundo, nos lugares hoxe máis activos da emigración (como Bos Aires e Montevideo, en América, e París e Basilea, en Europa) hai un coñecemento histórico e máis ángulo de visión sobre Galicia, como unha cosmópolis e non como un buraco na esfera, que o que un encontra en cidades como Coruña e Vigo, entangarañadas e enmofadas por ridículos localismos.

O caso é que a modificación electoral que pretendía a depuración do voto na diáspora fíxose totalmente de costas aos emigrantes. Os que antes eran destinatarios de grandilocuentes discursos, mesmo como depositarios da "auténtica Galicia", como exemplo de "emprendedores", etcétera, etcétera, pasaron a non valer un peso. A ser tratados como son tratados os parentes incómodos, que non debían saír na foto. Un exemplo noxento desta actitude de insolidariedade e desafecto foi o ocorrido co Hospital do Centro Galego de Bos Aires. Un episodio de desbalde nunca debidamente explicado polo actual Goberno da Xunta.

Pero os tempos cambian e a vida dá moitas voltas. Hoxe comeza a falarse dunha nova emigración da mocidade galega a América. E en especial a Brasil e Arxentina. A xente nova que alí chegue, coa súa maleta de esperanzas, fará ben en ir de primeiro ao Museo da Emigración, aberto pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, na rúa Chacabuco, no barrio bonaerense de San Telmo. E a carón, no mesmo predio, a sala coa extraordinaria documentación do Centro Republicano Español. A Federación vén de cumprir o seu 90º aniversario. E ben rufa que anda!

En Textos para nada fala Samuel Beckett da "morte das palabras". Nós estamos a vivir algo así. O cansazo das palabras. A fatiga da linguaxe. O non querer dicir. Ao mellor as palabras, na Galicia de hoxe, tamén queren emigrar.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_