Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

A espiral infinita do viaxeiro Antón Lamazares

O novo Museo de Pontevedra abre cunha gran exposición retrospectiva do pintor galego máis universal

Trinta anos na carreira dun artista poden parecer moitos, pero no caso de Antón Lamazares (Lalín, 1954) as cousas nunca rematan de ser o que un pode pensar cando bota unha primeira ollada. A obra do pintor con máis proxección e presenza internacional cos que conta Galicia nestas últimas décadas é tan excesiva coma el mesmo. Ás veces, cando se visita unha mostra como a que hoxe se inaugura nas novas dependencias do Museo de Pontevedra, un ten medo de quedar empequenecido pola magnitude dos cadros e pola potencia expresiva que despiden. Porén, nesta ocasión, a mostra retrospectiva dedicada ao artista de Lalín non é tan abafante como a que puido verse hai unha década na Estación Marítima de A Coruña.

O artista di que o seu único obxectivo é "ser un pintor de Altamira"

A mostra ten como novidade obras sobre papel nunca vistas ata o de agora

"Que carallo é iso de que toda a arte é tecnoloxía?", protesta o artista

Antón Patiño sitúao como continuador da vitalidade artística da República

MÁS INFORMACIÓN

Daquela, a proliferación de xigantescos cadros bifrontes (pintados polos dous lados) ameazaban física e psicoloxicamente ao espectador, que acababa por sentirse impotente ante tal exhibición de poderío pictórico. Nesta oportunidade imos ver outro Lamazares. Seguramente o xeito tan particular que ten de converter o local en universal é unha das cousas que fan que a súa obra poida ser admirada e entendida por persoas de culturas moi diferentes. Os seus cadros poden gustar ou non, pero o que está claro é que teñen algo que os fan universais porque interesan a persoas de países e procedencias moi diferentes entre si.

"Eu vou e veño, como din os vellos", responde o artista cando se lle pregunta se no seu caso poden distinguirse etapas creativas. Lamazares non se caracteriza por ter ese discurso teórico co que moitos artistas de hoxe tratan de seducir aos críticos e aos incautos que deambulan polos museos na procura dunha obra que lles toque o corazón. Lamazares prefire simplemente sinalar que nalgúns momentos se caracterizou polo emprego dunha figuración expresionista e noutros pasou pola "abstracción soñadora", pero o certo é que todo iso importa pouco porque en realidade a súa aspiración é máis ben "ser un pintor de Altamira". O lalinense lembra así unha frase de Joan Miró, quen unha vez sinalou que dende Altamira a pintura está en decadencia.

"O mundo fíxose para diante e para atrás, e eu tamén vou e veño sobre as mesmas cousas. En realidade o que me gustaría é ser como a eternidade de Deus: primavera, verán, outono, inverno, bautismo, confirmación...". Á súa maneira, así se explica Lamazares. Pero a mellor forma de entendelo é percorrer a mostra e repasar algúns dos momentos máis destacados da súa traxectoria. En Pontevedra poden verse pezas dalgunhas das series máis coñecidas do artista coma E fai frío no lume ou Follente Bemil, unha serie de pinturas eróticas realizadas en 2002.

A exposición, que repasa as últimas tres décadas de traballo de Lamazares, dá algunhas pistas para atopar aspectos inéditos da súa obra. O artista confesa que se puxo nas mans da comisaria, a ex directora do Centro Galego de Arte Contemporánea Gloria Moure, para que o proxecto resultase unha visión allea e persoal sobre o seu traballo ao longo de 30 anos. O resultado é unha mostra que non pretende ser exhaustiva nin pechar perspectivas pero si que intenta afondar no universo creativo do pintor.

Unha das grandes novidades é a presenza dunha importante cantidade de obra sobre papel que nunca fora exposta con anterioridade, e que permite ofrecer algunha luz sobre os referentes estéticos dun Lamazares que se preparaba para conquistar o mundo coas súas mans. Os ecos que se perciben nesa obra sobre papel acabarán resoando con forza moitos anos despois.

Gloria Moure explica que a súa intención non é a de facer un repaso cronolóxico, senón máis ben propoñer ao espectador algunhas ideas para establecer relacións entre creacións de diversas épocas. "A súa traxectoria artística non é lineal, semella debuxar unha espiral porque lle gusta retomar ideas que deixara atrás hai algún tempo", sinala. A comisaria subliña especialmente a oportunidade que supón a mostra para ver obra inédita sobre papel que permite tirar algunhas conclusións sobre o traballo posterior do pintor.

"Está moi claro que Antón é basicamente un pintor, e creo que resulta moi importante a súa obra sobre papel porque nela segue sendo un pintor, pero permite apreciar a simplicidade do xesto. Podería dicirse que a súa obra sobre papel discorre de xeito paralelo á que fai noutros materiais", apunta.

Segundo explica Moure, a exposición non procura amosar o contraste entre a obra máis matérica de Lamazares e a levidade das pezas sobre papel. Máis ben o propósito é dar unha visión sobre a capacidade do artista de Lalín para moverse con moita desenvoltura nos límites. Por exemplo, a idea dunha paisaxe global está presente no conxunto da súa obra pero, ao mesmo tempo, é indubidable a supervivencia da paisaxe rural tan vencellada ás vivencias persoais do artista. Todas as obras presentes na exposición proceden de museos e coleccións particulares españolas, coa única excepción dos últimos traballos realizados no seu taller en Berlín.

O artista e teórico da arte Antón Patiño, que coñece moi ben a obra de Lamazares, considera que o traballo do pintor lalinense é un dos alicerces decisivos da nova pintura que nace en Galicia a finais dos anos setenta. "Coido que foi unha aportación que representou un pulo substancial para a nosa arte, xa que recuperou nun certo xeito a vitalidade da xeración dos renovadores nos anos da República, que o dramático paréntese da Guerra Civil fixo esmorecer ou silenciar traxicamente", sinala Patiño, quen destaca a capacidade do lalinense para reflectir a memoria emocional das cousas, da materia, do espazo e da paisaxe.

O crítico de arte Xosé Manuel Lens considera a Lamazares coma un artista "incuestionable" no panorama da arte peninsular dos últimos anos e subliña que sabe traducir en pintura a súa particular historia da paisaxe cotiá, "unha paisaxe cambiante que almacena cores, poéticas, presenzas e memoria".

Algúns dos que o propio artista cualifica coma os seus mellores traballos e que presentou nas décadas dos oitenta e dos noventa están presentes na exposición. A mestría do pintor para combinar a rotundidade dos formatos e dos materiais empregados coa sutileza no tratamento dos temas emerxe en moitos momentos da mostra que poderá verse ata a primeira semana de maio en Pontevedra. Tampouco pode esquecerse, nin moito menos, a ampla selección de traballos realizados na última década na que Lamazares mostrou as múltiples posibilidades que aínda ofrece a pintura para expresar coma ningunha disciplina as emocións do artista.

"Que carallo é iso de que toda a arte é tecnoloxía?", interrógase en voz alta o artista dun xeito que semella procurar un interlocutor disposto a rebaterlle. "Hai que traballar coas mans, coas orellas, coas pernas... Con todo o que poidas", conclúe o pintor. Lamazares continúa inmerso na súa espiral creativa. E o máis probable é que siga dando voltas para seguir sendo o mesmo. Haberá que agardar que non pase tanto tempo a vindeira ocasión para ver unha gran mostra sobre a súa obra en Galicia. De calquera xeito, el non parará de pintar e de seguro que seguirá enchendo museos cos seus cadros. Porque xa avisa que pensa vivir "ata os cen anos".

Escolma de obras

A comisaria Gloria Moure fala sobre as que ela considera pezas claves da mostra do Museo de Pontevedra

- Delantal de camposanto e cámpana (1986-92): "É unha das obras que Lamazares realiza ao longo de varios anos. A peza representa moi ben o concepto de pintura que ten o artista porque consiste nunha serie de capas que obrigan ao espectador a facer un esforzo para adiviñar o que hai detrás de cada unha delas".

- Papeis de Nova York (1987): "Aquí o espazo do papel queda practicamente intacto. Lamazares pon o seu selo interno cunha pequena mancha ou verba que, sen embargo, dálle unha forza tremenda a cada un dos papeis".

- Manantial Rusia (1989): "Antón sempre volta atrás, non só nas súas inquietudes estéticas senón tamén nos artistas ou movementos que lle interesan. Aquí faise evidente a súa admiración por Malevich. Unha das cousas interesantes desta peza é a súa influenza posterior".

- Papeis de París (1992): "Son pezas dunha gran sutileza. O artista limítase a deixar que a absorción da cor funcione de xeito que se forma a materia".

- Lume na fonte (2006): "Nesta serie da que en Pontevedra mostramos cinco pezas, Antón reflexiona sobre a morte coma algo que vai totalmente unido á vida. É algo que forma parte da tradición galega e o pintor o leva ao lenzo á súa maneira".

- Trinta ou corenta cabalos nun armario de Zibolá (2011): "E unha das pezas que realizou recentemente no seu taller de Berlín. Relacionase cunha serie de ventás realizada nos anos noventa e tamén con Manantial Rusia".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 25 de marzo de 2011

Más información