ArchivoEdición impresa

Acceso a suscriptores »

Accede a EL PAÍS y todos sus suplementos en formato PDF enriquecido

viernes, 26 de noviembre de 2010
Reportaje:Luces

Un país construído nos libros

A segunda mostra do Gaiás reivindica a identidade a través da palabra escrita - "Galicia acomodouse á modernidade para conservar a cultura", di o comisario

Archivado en:

Foi un compañeiro de Johann Gutenberg quen introduciu o primeiro libro en Galicia. Peter Schoffer, socio en Maguncia do creador dos tipos móbiles, deixou, en 1473, un dos 40 exemplares de Decretales Gregol Papae IX. Só se conserva unha folla, que durante séculos serviu de tapa a outro volume e que estes días se pode ver no edificio de Peter Einsemann no monte Gaiás de Santiago. Ese incerto momento do século XV marca o inicio de Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia, a mostra coa que o arquivo da Cidade da Cultura abriu onte as portas ao público e que, en palabras dun dos seus comisarios, "utiliza os libros como método para dicir cousas". Sobre todo, dúas: que a través do libro se pode comprobar a existencia dunha identidade galega diferenciada e que Galicia foi construíndo "unha cultura de distinción".

Galicia foi un dos primeiros lugares da península en ter imprenta, di Barreiro

"A cultura galega existe dende que nos descubriron os romanos", engade

O ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, encargouse, co seu colega Xosé Luís Axeitos e o grafista Pepe Barro, do deseño da exposición. Explícase: "Unha cousa é a cultura antropolóxica e outra é a cultura que chega co libro". Barreiro defende o concepto de "distinción" para ilustrar as culturas librescas, occidentais, fronte a modos de relacionarse de comunidades á marxe do libro. E lembra que foi Galicia un dos primeiros lugares da península onde se instalou unha imprenta. Concretamente, 108 anos despois de que Gutenberg, entre Estrasburgo y Maguncia (daquela Alemaña), provocara un cambio civilizatorio co seu invento: 1548.

Exlibris Gallaeciae continúa co incunábel de Monterrei datado en 1485, o Breviario Auriense. Na mesma vila do sur do país tamén se imprimiu o Missale Auriense, nove anos despois, e os investigadores certifican que 15 anos antes funcionaban impresores en Ourense ou Mondoñedo. A primeira unidade da mostra, a xeito de limiar, inclúe a primeira publicación periódica da historia de Galicia, El Catón Compostelano -o 1 de maio de 1800 apareceu o primeiro número-, o primeiro xornal -Diario de Santiago, 1808- e o primeiro libro impreso en galego. Proezas de Galicia, obra de Xosé Fernández de Neira, é propaganda antinapoleónica, datada en 1810, e escrita con forma de diálogo entre os personaxes Chingo e Mingote. C'O vello do Pico-Sagro, o galego accedeu á prensa periódica en 1860. Un libro electrónico remata a introdución.

"Non quixemos xuntar unha colección de volumes vellos, senón artellar un discurso subxacente", describe Barreiro Fernández. Ese texto implícito na mostra do monte Gaiás di sobre unha cultura, a galega, que "existe dende que a descubriron os romanos". "Déronos un nome colectivo, os galaicos", relata o tamén historiador, "a mirada romana púxonos o nome de Gallaecia". O autor de Historia social da Guerra de Independencia en Galicia atribúe ao país a condición de "primeiro reino de España". Fala do Reino Suevo, entre o século V e VI, debuxado polo historiador galego-portugués Paulo Osorio. O volume pode verse na Cidade da Cultura.

Dos libros de Galicia divide o seu percorrido en catro estacións. Da identidade reúne os documentos que constrúen un país. "A nación tal e como nola contaron", resume Xosé Luís Axeitos. Entre o mapa de Cornide (século XVIII) e o vixente Estatuto de Autonomía, Códice Calixtino cedido pola Universidad de Salamanca incluído (o da catedral de Santiago non sae dos seus muros) ou cuartillas manuscritas do Sempre en Galiza, a escrita e o prelo foron chave á hora de fixar un imaxinario nacional. En Da lingua, "a trabe de ouro da cultura", en expresión de Barreiro, o Foro do burgo de Castro Caldelas data de 1228. É o primeiro texto escrito en galego e cédeo a Casa de Alba, a súa propietaria. O libro de actas do Concello de Santiago, cartas de protagonistas anónimos da pequena historia -"demóstrase nunca se perdeu o uso cotián do galego, por máis que se conte"- ou fitos da literatura -Cantares Gallegos, Máis alá, O Mariscal- enchen o apartado.

As achegas dos galegos á comunidade científica internacional conforman Do coñecemento. Os tratados de dereito de Francisco Salgado de Somoza (século XVII), o manual de veterinaria de Fernando de Sande y Lago, fermosamente ilustrado con láminas despregábeis 200 anos máis tarde ou os achados do naturista ferrolán Víctor López Seoane contribúen a exemplificar esa "cultura da distinción" á que se refiren os comisarios da mostra. Serratula seoanei Willk foi bautizado un crisantemo polo botánico alemán Heinrich Moritz Willkomm, xustamente en honra de López Seoane. Con Do país pecha o percorrido a exposición. "Trátase de ver como os galegos nos explicamos a nós mesmos", expón o pasquín de Exlibris Gallaeciae. Nesta sección hai espazo para o primeiro cancioneiro popular, recollido por Marcial Valladares e de título Ayes de mi país, para as receitas de Picadillo, para os álbumes de fotos de Luís Ksado. "Existía un mercado para esas fotos", asegura Pepe Barro, "pero estaba en América; os emigrantes necesitaban consumir paisaxe para matar a saudade".

"Galicia foise acomodando aos mecanismos da modernidade para preservar a súa cultura", di Xosé Ramón Barreiro. Con 83 pezas, recollidas en arquivos, bibliotecas, museos, de toda Galicia e boa parte da península, Dos libros de Galicia procura probalo. Para visitar a mostra, é preciso solicitar o permiso á fundación do Gaiás. Polo menos até xaneiro, última data prevista para a inauguración do complexo.

O meridiano que pasou por Lalín

O astrónomo Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) non foi o único científico de sona nado en Lalín. Un século antes, José Rodríguez González, tamén natural da capital do Deza pero vivo entre 1770 e 1824, modificou a ollada europea sobre o mundo. Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia recolle, no sector da mostra baixo o epígrafe Do coñecemento, mostras do labor do matemático -catedrático de Matemáticas Sublimes, en concreto- e agrónomo que viaxou polos centros científicos de Alemaña, Francia ou Inglaterra e cultivou a amizade de sabios e eruditos de toda Europa. O seu estudo das medicións de grao mereceu a atención da Royal Society of London for Improving Natural Knowledge [Real Sociedade de Londres para o Avance do Coñecemento Natural]. Nas Philosophical Translations editada polo organismo en 1812, a revista exclusivamente científica máis antiga do mundo e aínda en circulación (de 1665 data o primeiro número), falaba do Matemático Rodríguez.

Observations on the Measurement of three Degrees of the Meridian Conducted in England [Observaciones sobre a medida de tres graos no meridiano de Greenwich] titulábase o artigo que finalmente fixo por cambiar o trazado do meridiano de Greenwich.

Imaxe dos expositores de Exlibris Gallaeciae, a mostra no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago. / ANXO IGLESIAS

Atención al cliente

Teléfono: 902 20 21 41

Nuestro horario de atención al cliente es de 9 a 14 los días laborables

Formulario de contacto »

Lo más visto en...

» Top 50

Webs de PRISA

cerrar ventana