Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Ugia Pedreira e Fred Martins relen xuntos a 'bossanova'

Coas carreiras de seu encamiñadas en Galicia e no Brasil, respectivamente, vai para dous anos que unha casualidade da vida os xuntou á beira do mar de Rio de Janeiro no amor compartido pola tradición da bossanova. Ugia Pedreira, cantante e compositora de Marful e alma dun ronsel de proxetos que van desde o jazz de Nordestin@s até a direción da escola compostelana A Central Folque, e o carioca Fred Martins, un músico moi considerado no seu país, gañador do Premio Visa de Música Brasileira en 2006, uniron camiños nunha proposta íntima e persoal que a partir desta medianoite soará na sala Xancarajazz de Vigo. O concerto rescata o programa previsto para o pasado mes de febreiro, cando os temporais causaron estragos no local que impediron a celebración do recital. Outra reviravolta do destino tráeos de regreso a este peirao trasatlántico, como a súa amizade, ás portas ardentes do verán que está por vir.

Sobre os escenarios que levan percorrido nesta singradura común, os dous crean atmosfera de complicidade que mesmo chega até o público, a quen fan participar da intimidade dunha proposta escénica inzada de maxia e de sabores frescos. Son as sonoridades da bossanova clásica que cantaron os mestres brasileiros entre o xogo, a poesía e os recordos.

Fío lírico

Martins e Pedreira encetan ese fío lírico para prenderen o voo nese herdo e, a varios pés de altura, retocan o legado con pingas de contemporaneidade. Licor de asuntos diversos, nomeadamente amorosos, adobiado con acordes do presente convulso e melancolías propias, alleas ou inventadas. A súa relectura soa acústica polas cordas da guitarra de Martins e do dueto de voces. Músicas pequenas para contar historias grandes nos anaqueis da memoria individual.

Entre ambos suman un bo feixe de discos cunha multiplicidade de bandas e moitos concertos ás costas. E, agora que o dúo é repouso e estímulo para Pedreira e que Martins desfixo as maletas en Galicia na procura dunha nova inspiración para a súa técnica, están decididos a preparar a gravación do primeiro traballo discográfico compartido, que verá a luz contra a fin do ano. Nel comparecerán os temas que proban na escea, asinados por un e por outro, temas propios que combinan cos pais da cocteleira tropical que forman a banda sonora de xeracións de persoas en todo o mundo.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de junio de 2010