Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces | O debate sobre o galego

"Nunca houbo unha reflexión sobre as fórmulas para manter o galego"

Mauro Fernández e Henrique Monteagudo son dous dos profesores que máis teñen reflexionado sobre as condicións sociais do galego e as medidas precisas para a súa supervivencia. Aquí conversan sobre as recentes tensións arredor da lingua

O aparente consenso que, ao longo da autonomía, presidiu as políticas lingüísticas en Galicia saltou polos aires vai para tres anos. Entón, o PP desmarcouse, coas negociacións sobre o decreto do galego no ensino pechadas, do acordo parlamentario. A lingua colocouse en primeiro plano do debate, e a nova lexislación que, con todos os axentes sociais en contra, sacará adiante a Xunta de Feijóo non contribúe ao acougo. O catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña Mauro Fernández (Santiago, 1946) e o profesor de Sociolingüística en Santiago e colaborador deste xornal Henrique Monteagudo (Muros, 1959) analizan a situación.

Pregunta. Como avalían o decreto das linguas no ensino?

Monteagudo: "Unha educación en galego sería beneficiosa, pero con consenso"

Fernández: "Nos centros había moita conversa hostil polo decreto do bipartito"

H. M: "Non podemos deixar o bilingüismo en mans de Galicia Bilingüe"

M. F: "As políticas lingüísticas non poden ser iguais para todos"

H. M: "Hai 40 anos, a escola era a única garantía de aprender o castelán"

M. F: "Queremos que a escola ensine galego ou mude os hábitos lingüísticos?"

H. M: "As porcentaxes son instrumentais; a cuestión é ¿queremos manter o galego?"

M. F: "O galego debe fuxir da grandeza, importan máis os ámbitos informais"

Henrique Monteagudo. É unha fórmula menos mala do que temiamos. A solución do 50% non me parece negativa, pero en moitos centros xa se avanzara máis sen problemas e vanse ver obrigados a recuar sen xustificación racional. No ensino debe primar o galego por varias razóns, entre elas compensar o uso das linguas fóra da educación. Un modelo educativo basicamente en galego sería beneficioso, pero non se pode facer sen consenso social. Era mellor adoptar unha postura flexíbel.

Mauro Fernández. A min a norma non me parece negativa. Se ben é certo que había centros nos que se viña dando máis sen problemas, tamén é verdade que noutra parte había poucos problemas cara ao público pero moita conversación hostil. A norma anterior, ben intencionada, desafíou a unha parte da sociedade. Con todo, aí está ese sector importante de xente que quere máis galego. O que me diferencia de Henrique é que eu apoio a flexibilidade nas dúas direccións.

H. M. Eu tamén.

M. F. Se hai quen quere máis galego, tamén haberá quen queira menos e haberá que contemplalo. Debe haber uns mínimos garantidos para cada lingua, pero nunha banda elástica.

H. M. É preferíbel que un centro que non poida chegar, polas razóns que sexa, ao 50% o explique e que se vexa autorizado a dar un 35% a non facer nada. Dar un marco común con regras claras e con flexibilidade. Pero é responsabilidade dos poderes públicos apoiar a lingua en desvantaxe, na liña que marca a lexislación, progresivamente. Se o problema é afinar criterios, puídose facer eliminando que o 50% en galego inclúa as mal chamadas troncais. Se se considera excesivo, haberá que volver ao Plan Xeral.

M. F. Pero a norma do bipartito estaba sobredimensionada no tocante á lingua materna. Resultaba máis prudente a norma de 1995, que non recibiu contestación cidadá. Por que había que cambiala?

H. M. Nesta norma hai outra cuestión negativa, os pais. No programa electoral do PP dise unha cousa tan pintoresca como que os pais elixan a lingua materna dos fillos.

M. F. É dicir, cal é. Iso xa se fai cada ano. Amárraste demasiado á literalidade dunha frase. Trátase de que os pais digan cal é.

P. Fernández asegura que o decreto do 95 non recibiu contestación, pero tampouco freou a perda de falantes de galego.

H. M. Polo medio está o Plan Xeral [2004], que o decreto do bipartito desenvolve.

M. F. No programa do PSdeG de 2005 non figuraba o cambio dese decreto. No do BNG non o sei, porque non o lin.

H. M. E no do PP estaba que a reforma do decreto se faría por consenso. O Plan Xeral está polo medio, aprobado por unanimidade e impulsado polo PP. Con todo, neses días faltou debate social e acabouse dando máis tarde, a contrapé. Daquela explicáronme na Xunta que había que aprobalo así para que o PP de Madrid e un sector do PP galego non se opuxesen.

M. F. Si, pero a sociedade está detrás. E moitas das medidas previstas nese plan, cando se pretendan levar á práctica, amosarán o seu potencial conflitivo. Para min foi unha sorpresa aquel plan, ten moita alegría.

H. M. Era máis ou menos ambicioso. Mais requiría ese debate social do que, se cadra, saía outro plan distinto, máis afinado. Así, deu a sensación de que era cara a galería, propaganda.

M. F. Contaban cunha aplicación máis demorada e non con deixar o poder tan axiña. Lembro, cando se aprobou o decreto de 1995, ó conselleiro Piñeiro Permuy asegurando diante da xornalista Isabel San Sebastián que o galego non chegaría "nin de lonxe ao 50%". Pasou dende o prinicipio, cando o decreto do bilingüismo do 79 en Cataluña foi moi ben acollido. Aquí non.

H. M. Iso ten que ver con como é entendido o bilingüismo aquí e alá. As medidas que toman os catalanistas en defensa e promoción do catalán son en nome do bilingüismo e en Galicia deixamos o bilingüismo en mans de Galicia Bilingüe. Os que defenden o galego tenden a rexeitalo, alléandose o apoio de sectores da poboación que nun horizonte bilingüe aceptarían cousas ás que nun horizonte non bilingüe se resisten.

M. F. En Cataluña é importante ver como mesmo sectores do independentismo catalán están pensando en reconsiderar a lexislación lingüística para lle facer máis sitio ao castelán. Libros como La rectificació. Hai o convencemento de que a independencia vai necesitar a complicidade dos castelánfalantes. Pódese querer que Cataluña sexa un Estado e falar en castelán. Se aquí falas de que o castelán non é alleo, convérteste nun inimigo satánico.

P. O discurso do bilingüismo comeza a abrirse paso en sectores do nacionalismo galego.

H. M. Na xente nova, de procedencia urbana. Pero no discurso oficial, defender o bilingüismo non é que se ignore, é que se condena.

M. F. Non observo iso.

H. M. O mito do monolingüismo nace unido ao nacionalismo dos anos setenta. Daquela, a maioría da cidadanía falaba galego e abondaba con que o nacionalismo tomase o poder e a lingua ía detrás. Logo, o nacionalismo cambia e admite que o castelán ten máis presenza. Asúmeo como ameaza pero non saca as consecuencias lóxicas. Se admites que o castelán está estendido terás que cambiar á aspiración ao monolingüismo, unha aspiración antes verosímil e agora lunática.

M. F. O galego é aínda maioritario. Agora ben, non o vai ser durante moitos anos máis. Non sei que horizonte de futuro quere Galicia, pero non pode ser o de comunidades lingüísticas segregadas e pechadas. O futuro do galego pasa non tanto pola cantidade de galegofalantes habituais, senón pola actitude e polo uso que fagan del os castelánfalantes, que van ser maioría. Ser castelánfalante non é abandonar o galego. Pódese participar de máis dun sistema cultural: non hai que escoller entre José Hierro e Manuel María. Lamento que o Goberno anterior nesgase o discurso e lamento todo discurso que considere o castelán lingua allea, imposta.

H. M. Hai que abandonar o paradigma da identidade monolítica, un mal reflexo do nacionalismo español, o primeiro que difunde a idea de nación monolítica e monolingüe.

P. A mensaxe contra o galego lanzouse precisamente dende o nacionalismo español.

H. M. Historicamente hai un comprensíbel movemento reflexo. Pero o que hoxe interesa á lingua galega é o discurso da diversidade. Non queremos identidades monolíticas, nin estados ou nacións homoxéneas.

P. Ese proceso de substitución do galego polo castelán é irreversíbel?

M. F. A política lingüística nunca ten a incidencia agardada. Neste momento, aínda vixente o decreto de 2007, o 70% dos nenos de 5 a 16 anos teñen a maior parte das asignaturas en galego e hai só un 30% que o usan habitualmente. Non van cambiar. O mesmo que con ensino en castelán nun ambiente galego seguirían falando galego. Cando se di que na escola entran os nenos falando galego e saen falando en castelán, é certo. Pero non é só a escola.

H. M. A política lingüística debe dar un marco de dereitos. Pero é máis grave o clima social que fomentaron o PP e determinados medios de comunicación. A sociedade súfreo.

M. F. Sempre pode haber discursos crispadores, pero non é bo que os provoque o Goberno. A escola é unha parte e o Goberno pode facer outras cousas que non teñen a contestación dunha medida que incide directamente nos nenos.

P. De quen é responsabilidade este clima social?

H. M. Hai problemas reais e resistencias reais. Proceden de sectores sociais até agora á marxe do galego e que comezan a pensar que non saber galego limita. E son sectores con influencia nos partidos e nos medios de comunicación. A novidade é que unha forza política de goberno dá cobertura a isto por electoralismo. O PP atravesa un proceso de renacionalización española, centralista.

M. F. A política lingüística non pode ser homoxénea. Iso causa problemas.

H. M. E a ecoloxía das linguas cambiou moito. Hai 40 anos, a escola era a única garantía de aprender castelán.

M. F. Por iso non se pode chamar imposición. Toda medida lexislativa é imposición e hai algunha mesmo no nome, como os impostos. Pero se as percibes como ilexítimas, mal asunto.

H. M. Eu estudei as mensaxes galeguistas de entreguerras e nunca reclamaran o ensino en galego, senón a súa lexitimación na escola. Daban por feito que o galego xa se falaba e que a escola debía ensinar castelán, a única maneira de aprendelo. O mantemento da lingua estaba garantido socialmente. Esa mentalidade aínda existe en pais que non se decatan de que agora, se a escola non ensina o galego, non se vai aprender.

M. F. Pero queremos que a escola ensine o galego ou queremos que a escola cambie os hábitos lingüísticos?

H. M. A cuestión non é só a competencia lingüística, senón a competencia comunicativa. A escola atópase a medio camiño.

M. F. Para esa competencia chega un 50%?

H. M. Non hai unha fórmula máxica nin homoxénea.

M. F. As competencias que ensina a escola son diferentes das que ensina o resto da sociedade. Onde se fala galego adquírense competencias, por exemplo insultar, que na escola non pintan nada. Nas destrezas que debe ensinar a escola, comprensión de textos complexos ou sintaxe, necesítanse miles de horas máis?

H. M. O que sabemos é que o modelo de inmersión funciona.

M. F. Cando a xente o quere.

H. M. A inmersión, polo que sabemos, é o mellor. Tamén sabemos que para que funcione precisa consenso. Asociar a inmersión co nacionalismo ou descualificala non ten sentido.

M. F. É unha vella obsesión do PP.

H. M. A inmersión permite o mantemento das dúas linguas. Nun horizonte de bilingüismo, a xente non obxecta tanto a inmersión. Cando se defende a inmersión para o monolingüismo hai unha reacción lóxica en contra.

M. F. Nos modelos de inmersión que procuran un mellor bilingüismo que os de non inmersión, por exemplo no Quebec, empézase cun ensino completo en francés e logo introdúcese o inglés e así ano tras ano até chegar ao 50%. Os modelos de inmersión propostos como ferramentas para o bilingüismo non teñen nada que ver cos modelos para construír a nación.

H. M. Este país debe pensar seriamente se quere manter esta lingua. Queremos manter a lingua nunha funcións normais? Pois entón a cousa vai por aí. Non houbo esta reflexión, nin sobre o custo, nin sobre as fórmulas. Se o país quere manter a lingua e demóstrase que é suficiente o 50%, adiante. Pero son cuestións instrumentais, porque a cuestión de fondo é ¿queremos manter o galego?

M. F. Nada que obxectar, só que a inmersión non é o único que funciona. A inmersión á catalá, para toda a poboación, non funciona porque a xente non a quere. Ben, non a quere xente poderosa. E debería haber cambios lexislativos.

P. Defenden que "a plenifuncionalidade do galego é imposíbel".

H. M. Hai a idea a primeira vista aceptábel pero en detalle falaz de que todas as linguas teñen a potencialidade para funcionar en todos os contextos e para expresar todas as ideas. Na realidade todas as linguas son desigualmente capaces. É imprescindíbel para o galego que poidas estudar enxeñería aeronáutica en galego? É dubidoso. Sospeito que ninguén estuda aeronáutica en portugués ou en italiano. É problema de escala. As linguas menores de Europa central e oriental teñen funcións cubertas e xa está.

M. F. A garantía de supervivencia dos dialectos alemánicos de Suíza foi o valor doméstico. Abandonar esta dimensión, que teñan que competir na ciencia con linguas con máis capacidades... O tagalo ten 40 millóns de falantes nativos e 200 como lingua de comunicación, e non pinta nada na ciencia.

H. M. A cuestión tampouco é exactamente de número, é de contextos. Pero se te perdes esforzándote porque o galego se use na aeronáutica, igual perdes un terreo decisivo.

M. F. A taberna, por exemplo. Non podes cambiar a taberna pola revista de Física. Xa non hai revistas de Física nin en español.

H. M. A idea da plenifuncionalidade está ligada á idea da lingua nacional que cobre todo o territorio e todo o espazo comunicativo. Iso foi unha novidade histórica, moi extraordinaria. O máis corrente é que haxa distribución de funcións.

M. F. Hai que dar coas claves de entornos multilingüísticos persistentes como Filipinas, onde ningunha lingua está en perigo e mesmo teñen máis falantes que hai 50 anos.

P. Refírense a asumir a diglosia para o caso galego?

M. F. A palabra que foi demonizada e moi mal entendida.

H. M. Utilizouse para definir situacións de dominación lingüística, cando se refire a situacións nas que existen diferentes linguas para diferentes funcións, sen connotacións.

M. F. Foron pouco afortunadas as formulacións de Fergusson en termos de alto e baixo. Os ámbitos informais son moito máis importantes que os ámbitos formais na vida da xente. Unha lingua non pode sobrevivir só nos ámbitos formais. As funcións chamadas altas deberían ser a fala distendida, contar os chistes, falar na casa.

P. O horizonte do bilingüismo do que falan non será posíbel se o galego pasa á marxinalidade. Como reverter a diminución de falantes?

M. F. Fuxir da grandeza. O importante non é estar en Bruxelas, non nos relacionamos diariamente coa UE; non obsesionarse coa universidade, que vai funcionar en inglés en pouco tempo. Hai que insistir nos valores identitarios. Se deixamos de falar o galego, a nosa identidade vai ser distinta. Tamén nos aspectos funcionais: os nenos teñen que saber galego e é obriga do Estado que o saiban, porque aínda hai máis dun 50% de xente que o fala e con dereito a usalo, que queda en nada se a outra metade non pode responder positivamente a ese dereito. O galego ten utilidade. Para Bruxelas? Non, ten utilidade para aquí.

P. Que o galego acceda a ámbitos como a universidade ou o Parlamento europeo serve para lexitimar unha lingua desprezada.

H. M. Hai políticas de recoñecemento que están ben como reforzo. Pero é unha cuestión de prioridades e unha prioridade é que o galego funcione na sociedade galega. E iso implica a atención, sobre todo, ás novas xeracións.

M. F. Hai que traballar moito o entorno cultural, e non me refiro á alta cultura: contos, televisión, música, a tradición... Os nenos teñen que saber os versos de Rosalía, pero sen enterarse como os aprenderon. Todas esas cousas son as que crean unha relación afectiva coa lingua. A clase de matemáticas, non.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 16 de abril de 2010