Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Un pouco de cordura

Hai unha liña da sociolingüística en Galiza que está a fomentar a idea de que o idioma galego está nun momento espléndido, para nada padecendo un ataque especial nin unha situación de emerxencia. Os principais valedores deste discurso son persoas que tiveron ou teñen altos cargos en gobernos do PP, como é o caso actual de Anxo Lorenzo ou o foi de Mauro Fernández. Tanto optimismo non se basea, porén, en ningún estudo que manteña un mínimo de rigor e credibilidade e tampouco ten constatación empírica na realidade.

É criticábel que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúa a divulgar esta propaganda inverosímil, organizando seminarios que na súa proxección pública parece que teñen como finalidade o que Manuel Fraga chamou a pax lingüística: aquí non pasa nada, o galego vai moi ben, así que non protestedes e deixade que vaia morrendo docemente. Resulta chocante que, na situación actual, o CCG non teña mellor ocorrencia que enviar un comunicado aos medios no que nos quere vender que "o galego é a lingua maioritaria" de Galiza. Negan o evidente e contribúen á narcotización do problema.

Se non se parte dos síntomas, non se poderá detectar a doenza nin pórlle remedio. O que nos din todas as pesquisas é que o idioma galego sofre unha caída en picado na transmisión entre xeracións, que en dez anos se duplicou o número de persoas que declaran non falar nunca en galego, que é residual na xente nova das cidades e que está ausente dos grupos e espazos sociais que marcan o futuro. Esta situación non é irreversíbel, pois hai posibilidades reais de rectificarmos, mais para iso hai que partir do real.

Isto que digo nas liñas anteriores foron as críticas substanciais cara ao CCG que realicei hai varios días en dous escritos asinados por min no meu blog persoal e no diario Galicia Hoxe. Tamén lamentaba que este organismo teña por norma excluír A Mesa de todas as súas actividades sobre a lingua. Manteño que é unha actitude grave porque desconsidera un sector e unha liña de opinión que existe e, sobre todo, porque, guste ou non, A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza, cos seus case 4.000 socios e socias. Deixan fóra un inmenso movemento cidadán organizado en defensa da nosa cultura.

Lembro agora isto porque a semana pasada publicou Henrique Monteagudo, secretario do CCG e coordinador do seminario a que antes facía referencia, un artigo no suplemento Luces no cal se refería, en termos impropios para unha persoa coas súas responsabilidades, sobre as lexítimas críticas que realizamos desde A Mesa. En lugar de citalas e rebatelas cos argumentos que tivese a ben (e que sería un paso para un debate construtivo e útil), considerábaas despectivamente como "arroutadas" de quen anda "ghabeando polas paredes". Ademais, daba a entender unha división entre as plataformas e organizacións que traballamos en defensa do galego, que por fortuna non existe, e que non sería desexábel que chegase a existir.

Neste momento histórico estamos a xogar unha batalla crucial para gañar o futuro para o noso idioma. Non lle fagamos ningún favor aos inimigos (que existen e teñen moito poder) e non contribuamos á marxinación, á división e á caricaturización. É un tópico, mais é verdade: a todos os que defendemos o galego como idioma vivo, como patrimonio común e dereito individual e colectivo, únenos moitísimo máis do que nos separa. Por iso, camiñemos a senda da cordura e da unidade.

Carlos Callón é presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 18 de diciembre de 2009