_
_
_
_
_
Crónica:MÚSICA CLÁSICA | Luces
Crónica
Texto informativo con interpretación

Cinco horas con Wagner

Wagner pode parecer, de entrada, un compositor pouco accesible. A utilización que o nazismo fixo da súa obra tampouco predispón ao seu favor. Para asistir a unha das súas óperas hai que prepararse, aínda que sexa escoitala na sombra acústica do coche, mentres se circula pola AP-9 cara á Coruña. Nunha tarde outoniza toldada por chuvias e brétemas, pensaba canto teñen mellorado as infraestruturas galegas, e non digamos cando entre en servizo o tren de alta velocidade. Non paga a pena discutir por cuestións hiperlocalistas, sexan titulacións, voos ou fusión de caixas, porque hoxe o que conta é traballar en rede.

Wagner é un músico de madurez; non é frecuente atopar un wagneriano que non teña cumprido os 40. Mais o certo é que na súa obra o abrazo entre a voz e a orquestra, con eses emocionantes leitmotiven que percorren transversalmente toda a tetraloxía, acada esa beleza sublime que teñen definido os filósofos da estética. Quizá os anos tamén contan para poder gozar coa serenidade precisa para que resulte innecesario ler os subtítulos; dito sexa de paso, en Compostela adoitan estar en galego. Nalgún momento, distraído da música lendo os rótulos, veume á cabeza a perda de enerxía que supón volver axitar a pantasma toponímica.

Veume á cabeza a perda de enerxía de axitar a pantasma toponímica

O argumento -a loita entre o vello e o novo, o afán de coñecemento: identidade, medo, amor- é fascinante, pero admitamos que Wagner non é un bo libretista; é magoa que non tivera contado, como Chaikovski, cun Pushkin, ou como Strauss, cun Hoffmannstahl ou un Zweig. A propósito deste último, vén de se estrear no teatro sevillano da Maestranza A muller silenciosa, prohibida polos nazis desde a segunda representación en Dresde, logo da caída en desgracia de Strauss e a súa dimisión como director da Cámara de Música do Reich.

Anunciárase que o reparto desta ópera en versión concerto era tal vez o mellor posible neste momento. Desde logo, Jon Fredric West é un Sigfrido sensacional que sae airoso dun papel que esixe o máximo á voz, case permanentemente no máis alto do rexistro. Gerhard Siegel destaca como Mime, xunto a un plantel de barítonos e baixos de gran categoría. Entre as voces femininas, cómpre recoñecer que Nadine Secunde deixou atrás o seu mellor momento e, como Brunilda, non estivo á altura dos roles secundarios.

O mellor da representación, na miña opinión, foi a orquestra con Víctor Pablo, que facendo unha tradución dinámica do clásico carácter wagneriano, foi gañando intensidade e expresión nun crescendo dramático e musical desde o diálogo inicial de Mime e Sigfrido, algo mecánico, ata culminar na unión apaixonada do heroe e valquiria. Á corda liderada polo excelente Massimo Spadano non se lle pode pedir máis, nin á percusión, as madeiras e os metais, nos que sobresaíu o trompa titular David Bushnell. O papel da orquestra en Wagner é tan importante coma o dos propios cantantes, e máis nesta obra onde, como subliña nos comentarios ao programa o erudito crítico compostelán Arturo Reverter, o compositor consegue espléndidas e marabillosas texturas dun riquísimo colorido.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O cambio do país para ben rexístrase tamén nese auditorio entusiasta, preparado e silencioso que entende e aplaude un Wagner sempre esixente por idioma, temática e extensión. Nos entreactos observei o público, en boa parte composto por pequenos grupos de señoras, enfeitadas sen exceso, que segundo se deducía dos intercambios de saúdos e comentarios deben de ser habituais. Supuxen que esta preponderancia feminina pode obedecer a dúas razóns: son solteiras ou viúvas, ou se cadra seus maridos preferiron quedar cos amigos para ver o fútbol. Como queira que for, as mulleres están a protagonizar en gran medida o pulo do país cara diante; maioritarias en conferencias, concertos, aulas, movementos asociativos... diríase que a condición feminina é máis receptiva aos fenómenos da modernidade.

Nesta temporada conto con ver algunha ópera máis de Wagner pero, en calquera caso, a próxima estarei sen falta na Coruña para asistir á caída dos deuses.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_