ArchivoEdición impresa

Acceso a suscriptores »

Accede a EL PAÍS y todos sus suplementos en formato PDF enriquecido

viernes, 4 de septiembre de 2009
Reportaje:Luces

Un americano mergullado na novela galega

John Thompson publica o primeiro estudo sobre literatura da Guerra Civil

Archivado en:

A primeira investigación sistemática sobre a narrativa galega e a Guerra Civil debeu agardar por un estadounidense. John Thompson, profesor na Universidade do Estado de Montana, vén de colocar nas librarías As novelas da memoria (Galaxia, 2009), un volume no que esmiúza máis de corenta achegas literarias ao conflito de 1936. "Non é que a crítica desantendese a esta dimensión política", explica dende a cidade de Bozeman, no departamento estadounidense de Montana e vía correo electrónico, "dende os anos 80 houbo artigos interesantes, pero nunca se fixera un estudo amplo que lle dea a este corpus narrativo a importancia que ten".

Thompson (Montana, 1971) residiu oito anos en Galicia. Desa tempada procede a súa vocación "emocional e intelectualmente galega". "Cando preparaba a tese de doutoramento", lembra, "intereseime pola literatura galega". Daquela accedeu á literatura que afondaba nas causas, consecuencias e realidades da Guerra Civil. "Os que nos dedicamos a loitar pola reivindicación dos vencidos", afirma, "non podemos pasar por alto esta narrativa". Para Thompson non se trata unicamente da "fonte rica de memoria" que pode agromar nas novelas, senón tamén de fornecer ao nacionalismo "de concepcións nacionais máis enraizadas na realidade".

"Hai moitas obras que, de traducirse, serían gran literatura universal"

"Millán ignora a guerra na súa teoría debido ao seu nacionalismo

Contra certo discurso sobre o o guerracivilismo literario -denunciado por autores como Xosé Carlos Caneiro, Jaureguizar ou Camilo Franco, que falan de "cansazo" desa temática-, o autor d'As novelas da memoria fala da "incríbel gran cantidade de obras de moita calidade arredor do asunto, obras que pertencerían ao corpus da gran literatura universal se fosen traducidas". Thompson menciona os dous testemuños de Ramón de Valenzuela (Non agardei por ninguén, de 1957, e Era tempo de agardar, 1980), as novelas Desfeita (1983) de Camilo Gonsar e Pensa nao (1999) de Anxo Angueira ou Polos fillos dos fillos, a reconstrución novelada que operou Xosé Manuel Sarille sobre a historia da súa familia paterna. "Esta novelística, para un país de dous millóns e medio de habitantes", apón, "é sobresaínte".

Pero non todo resultan boas noticias. "O machismo eiva certas obras que fan do 36 e a ditadura derivada o seu centro", detecta. É aos traballos de Xosé Fernández Ferreiro -A ceo aberto (1981), A fraga dos paxaros salvaxes (1985), Agosto do 36 (1991) ou Os últimos fuxidos (2004)- aos que dedica unha crítica máis contundente por mor da construción dos personaxes femininos "Os proxectos ideolóxicos destas novelas perden credibilidade polo seu sexismo", denuncia. Na banada oposta, o Amor de tango (1992), de María Xosé Queizán.

Tampouco a crítica sae ben parada n'As novelas da memoria. A ausencia de conciencia republicana pexa, a dicir de Thompson, unha das teorías con máis éxito dos 90: a que, da man de Xohán González-Millán, opuña "literatura nacional" a "nacionalismo literario". Nin as teses de Millán, que propugnaban o abandono da literatura de resistencia, nin os diagramas de Francisco Rodríguez -o seu oposto- válenlle ao estadounidense. "Ignoran por completo a guerra, a República e a ditadura", explica, "e así deveñen conceptos ambiguos e pouco efectivos". No ensaio de Thompson, esa actitude inscríbise "nos posicionamentos incómodos desas narracións para o nacionalismo polo que eles [Rodríguez e Millán] avogan, ben máis dogmático, ben máis creativo".

A representación do trauma comparece mediante dúas estratexias literarias, a que conecta pasado e presente ou a que "leva o lector a reflexionar sobre o peso da historia no presente". "No primeiro método están Non volvas, de Suso de Toro, e no segundo, por caso, O bosque das antas, de Fernández Naval", enumera. E aínda que a serie non se atopa pechada, se o best seller do xénero foi O lapis do carpinteiro (1998), de Manuel Rivas, a "grande novela" xa se escribiu. "A primeira que se redactou en galego sobre a guerra, Non agardei por ninguén, éo", conclúe, "dende o principio se escribiu a grande novela galega sobre a guerra".

Atención al cliente

Teléfono: 902 20 21 41

Nuestro horario de atención al cliente es de 9 a 14 los días laborables

Formulario de contacto »

Lo más visto en...

» Top 50

Webs de PRISA

cerrar ventana