Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Opinar nun "país pequeno"

Profesores e xornalistas falan dos enfoques teóricos da crítica literaria, dos equilibrios para falar nos medios e dos problemas específicos nun lugar como Galicia

Foi o nacionalismo literario, na acepción de Xoán González-Millán, o que relegou E direivos eu do mister das cobras, de Manuel Vilanova, no sistema literario de 1980? Matízao Antón Figueroa, introdutor en Galicia das teorías de Pierre Bourdieu: "González-Millán distinguía entre literatura nacional e nacionalismo literario en alusión á liña autónoma que parte de Manuel Antonio".

"A liña dos que non se someten ás regras do xogo do que pode ser convinte", resume. O autor de Diglosia e texto (1988), que cuñou daquela a expresión "filoloxización da cultura", apreza "pasos" cara á autonomización da crítica literaria. Tamén os ve Elías Torres, do departamento de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade de Santiago, que traballa arestora nunha obra que explica a introdución en Galicia -González-Millán- da teoría de polisistemas do investigador israelí Itamar Even-Zohar, que permite establecer relacións entre lingua, literatura e cultura fóra do marco do texto.

"Non se pertence ao sistema literario como a unha cátedra de mus"

"Iso explica o seu éxito sen parangón en Galicia, onde o diálogo entre Bourdieu e Even-Zohar resultou moi proveitoso", sintetiza. Outro tema é escoitar campo ou sistema literario como se escoita "literatura galega". A Arturo Casas, que traballa no marco empírico-sistémico coas aportacións da hermenéutica, resúltalle sorprendente "escoitar escritores de prestixio sinalar que eles non pertencen ao sistema literario, como se iso fose como darse de alta nunha cátedra de mus". Para Casas, o "bo nivel" da crítica ten o lastre dos refugallos do estruturalismo, pero "existe unha vangarda con escasa repercusión social que se liberou desa condición". "Dicir sistema literario non é dicir 'tingladillo', segue Torres, que fixa o abandono en Solucións anticuadas e a industria de ideas (2002). Anticuadas eran, segundo Even-Zohar, as solución aportadas para a construción nacional no caso galego.

Desde outra xeira, Dolores Vilavedra, autora da última Historia da literatura galega (Galaxia, 1999), fala dun "cambio de ciclo" na crítica académica. E das vías de lexitimación profesional: "O paradigma funciona mentres segue inspirando discursos anovadores. É normal que as elites reaccionen cando determinadas ferramentas de análise callan dalgunha maneira na sociedade". Non son a benevolencia do discurso de normalización cultural, nin a escasa visibilidade do libro galego, di Vilavedra, as pexas de inicio no labor do crítico: "O condicionante principal é o tamaño. Nun país pequeno sempre se acaba toupando coa Igrexa". Por parte, opina que a función da crítica xornalística "non é separar o gran da palla, senón informar, orientar, avisar e estimular".

O poeta Manuel Outeiriño, un dos alicerces da revista A trabe de ouro, recorre a Edward Said para situar a investigación nunha época de teorías viaxeiras: "O máis interesante en Galicia, con todo, son reelaboracións singulares como Lecturas alleas, de Figueroa". A respecto da crítica xornalística, "historicamente crucial", avisa de que a súa desaparición "impregnaría os xornais de propaganda". Por que ás veces "lle teñen manía" explícao tamén, como xornalista e crítico, Camilo Franco. "Traballamos cun nivel de decodificación menos sofisticado por razóns evidentes", expón, "pero a intelixencia non se mide por códigos apriorísticos".

Xesús Manuel González Gómez e Xosé Manuel Eyré, desde A Nosa Terra, opinan sobre trasvases de autoridade e a difícil supervivencia da crítica midcult. González Gómez, residente en Barcelona, afirma que a crítica universitaria está "retrasada con respecto ao seu tempo, porque os mortos non responden". E apón responsabilidades compartidas á hora de facer canon e distinguir entre risco e éxito: "Eu critiquei Crime en Compostela porque me pareceu infame. Acéptao todo, pero xerarquiza". Eyré, que mantén o blog Ferradura en tránsito, convén que a crítica non existe "se non se manifesta".

Entre o que se manifesta, ademais do traballo do semanario nacionalista e dos case vinte anos do Diario Cultural da Radio Galega, a crítica en papel especificamente galega redúcese a Protexta. A idea de partida mantéñena agora Ana Salgado e Aurelio Castro: "Incluír voces escritas desde outro lugar, e ir un pouco máis alá da crítica divulgativa, tirando cara ao pensamento".

Nesoutros lugares non só hai produción literaria, remarca Casas: "Un ensaio feito aquí sobre Keats ou sobre narrativas fílmicas brasileiras é tamén crítica galega". Neste punto, bromea Outeiriño, bótase en falta un despece teórico dos discursos deFeijóo. "Están cheos de citas, seguro que llos fai un poeta dos 80". Ao tempo, tendo en conta que os telexornais adoitan pechar anunciando promocións, gustaríalle "que unha produtora con moita pasta collese Costa Norte/ZFK [a novela de Borrazás]". "Así sería corroborada polo mundo mercantil, que é o prioritario".

"Xa non son os premios do crítico"

"Levabamos moito tempo desexando formar colectivo", di Olivia Rodríguez, unha das 45 integrantes da sección crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega. "Antes eramos seis ou sete críticos esparexidos". Constituída en 2007, a sección da AELG escolle desde o ano pasado os Premios da Crítica Española nas categorías de poesía e narrativa -este ano para Chus Pato e Calveiro, respectivamente-, que logo referendan os colegas españois.

Desde a AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias desbota as suspicacias xeradas este ano por unha suposta proximidade entre escritores e críticos: "Os críticos con obra finalista, evidentemente, abstéñense de votar... A relación entre a AELG e a sección de crítica é totalmente funcional, como en Cataluña".

"Hai tanta proximidade entre escritores e críticos como entre xornalistas e escritores ou editores e axentes ou libreiros e distribuidores", resume María do Cebreiro. Sen ser a dos premios, en xeral, a dimensión que máis lle interesa a Arturo Casas, de entre cantas se lle atribúen á crítica literaria, o autor de Tentativas sobre Dieste matiza: "Hai un avance importantísimo. Non me parece pouco que deixaran de ser os premios do crítico".

A Isaac Lourido, que hai tempo que deixou de reseñar libros das persoas que considera "amigas", a da sección de crítica non lle parece unha proposta "especialmente atractiva". Tampouco lle parece a benevolencia o peor defecto da crítica xornalística. El chámalle "contención". "Impúxose, asumiuse e non se discutiu a idea de que era preferíbel 'primeiro construír e normalizar, e despois discutir'. Eu penso totalmente o contrario".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 24 de abril de 2009

Más información