Libros para un inverno
As editoriais concentran a edición de narrativa, galega e traducida, nos últimos meses do ano
Non todas as editoriais preparan campaña de Nadal. Pero as que o fan, fano a conciencia. Xerais, Galaxia ou Espiral Maior asaltan as librarías cunha manchea de títulos en todos os xéneros. E casas como A Nosa Terra aproveitan a conxuntura e poñen na rúa títulos case de colección. A tradución segue a cotizar á alza e a narrativa, a opción con maior potencial comercial, capitaliza os investimentos da industria cultural. A continuidade entre a festa cristiá e o comezo de ano provoca, con todo, unha concentración de volumes nesta época do ano. "É importante que as editoriais galegas fagan lanzamentos ao mesmo tempo que outras editoriais", considera o director literario de Galaxia, Carlos Lema, "e tentar competir aí".
Costa Norte/ZFK (Galaxia) é o regreso á novela de Xurxo Borrazás. Catro anos logo de Ser ou non, o escritor de Carballo traza unha distopía de aire ballardián na costa galega. Á mesma xeración cronolóxica pertence o prolífico Santiago Jaureguizar, que reaparece c'O Globo de Shakespeare, premio Terra de Melide e publicado por Xerais. Protagonizada por un actor que soña co dramaturgo inglés, a trama desenvólvese a partir do achado do manuscrito de Hamlet nun pazo de Ribadeo. Tamén Shakespeare importa na obra gañadora do García Barros. Shakespeare detilado (Galaxia), de Xesús Constela, constrúe o monólogo dun home que, enclaustrado, se estimula a base de gin tonics e os sonetos do autor d'A tempestade.
Inma López Silva é unha das voces máis novas que, no seu traballo, explora as ambientacións próximas á Guerra Civil e á posguerra. En Memoria de cidades sen luz (Galaxia, premio Blanco Amor), a autora transita A Coruña dos anos 30, a Barcelona bombardeada polos franquistas ou o París existencialista posterior á Segunda Guerra Mundial. Alberto Canal dá ao prelo, en Xerais, o seu debut en novela, Conexión Tubinga, "unha intriga teolóxica". A batalla do paraíso triste, na mesma editora, supón a quinta novela de Xosé Ramón Pena, unha trama de espionaxe con Antoine de Saint-Exupéry de personaxe e, de novo, a Segunda Guerra Mundial como escenario. Galaxia completa a súa oferta de narrativa do país para este inverno cos 45 relatos d'A verdade como mal menor, de Xosé Luís Martínez Pereiro (premio Repsol 2008) e coa novela de Xerardo Agrafoxo O violinista de Malá Strana.
Espiral Maior coloca nas librarías catro volumes da súa serie de poesía. Con Libro de Alicia, Olalla Cociña levou o galardón Fiz Vergara -"un libro que abraia pola súa visión", en palabras do seu editor, Miguel Anxo Fernán Vello-. Xavier Seoane, un nome clásico da promoción dos 80, retorna á primeira plana, logo de Para unha luz ausente, con Do ventre da cóbrega. Carlos Fonte (Quero colo) e Luís Pousa (O embigo do mar, edición bilingüe galego-castelá) estréanse en libro.
En Edicións Positivas publica Eduardo Estévez os poemas de Construcións, unha obra nacida ao abeiro da Internet e precedida da polémica: gañadora do Miguel González Garcés, o premio foille retirado por incumprir as bases do concurso. Xerais, na serie de poesía, edita Non son de aquí, de María do Cebreiro, e Amor amén, os primeiros textos poéticos de Yolanda Zúñiga, autora de Vidas post-it (2007), mentres Galaxia recupera a Paulino Vázquez, quen, dez anos despois d'A experiencia inglesa, volve con Arcaico o tempo que respira. "Un memento mori", fala Carlos Lema, "no que comparecen o pouso do tempo, a morte, Claude Simon ou María Mariño". No campo alternativo, Estaleiro Editora, partidaria dun modelo de xestión de dereitos de autoría máis aperturista que o convencional, preparan un volume coa poesía do brasileiro Óscar Mourave.
No continente do ensaio, a sección editorial d'A Nosa Terra saca A resistencia antifranquista en Galiza (1936-1975), de Xosé Henrique Acuña e Xornalismo e nacionalismo político, de Bieito Alonso, que debuxa a traxectoria do semanario homónimo. En libro de gran formato aparece Plantas medicinais galegas. Ao final do infinto, de Basilio Lourenço, e Paisaxe e nación, de María López Sández, son as apostas de Galaxia no xénero. Lourenço presenta a introdución a unha obra de nove volumes sobre "a crise da civilización" e López Sández investiga a construción ideolóxica da paisaxe. Ademais d'O natural é político, no que Teresa Moure teoriza sobre ecoloxismo, Xerais encárgase de fabricar e distribuír Fendas abertas, de Carlos Taibo -sobre autodeter-minación-, unha escolma de artigos de Xesús Alonso Montero sobre literatura galega publicados no exterior e o xornalismo último de Manuel Rivas, A corpo aberto.
Continúa o auxe da tradución
Mondo e outras historias (1978) é o título conxuntos dos relatos de Jean-Marie Gustave Le Clézio, premio Nobel 2008, que reedita Xerais 21 anos despois da súa primeira publicación. A editora viguesa confirma, ás poucas semanas de tirar do prelo Mil cretinos (Quim Monzó), Se comes un limón sen facer xestos (Sergi Pàmies) e Mal de escola (Daniel Pennac), o intre vizoso que está a vivir a tradución literaria ao galego.
A obra emblemática da literatura en asturiano, Historia universal de Paniceiros, de Xuan Bello, sae en galego en Edicións Positivas. Segundo o académico e prologuista Francisco Fernández Rei, "Bello manifestou que escribe en asturiano para que a súa propia lingua non deixe de falarse".
En Galaxia, amais da versión galega d'As flores do mal (Charles Baudelaire), de Gonzalo Navaza, publican Sardinia Blues do sardo Flavio Sorigia e A elegancia do ourizo, a novela da francesa Muriel Barbery que triunfa en Europa.
Rinoceronte Editora decidiu hai uns meses ralentizar o seu ritmo editorial. Para estes meses de inverno programaron O tradutor cleptómano, do escritor húngaro da primeira metade do século XX Dezso Kosztolanyi. A tradución é de Jairo Dorado. Os poemas de Cesare Pavese agardan quenda.
Laiovento válese dos clásicos e fai gala de afrancesamento. As moscas, de Jean-Paul Sartre e en galego de Xosé Manuel Beiras, e Os alimentos terrestres, de André Gide segundo Suso Pensado conforman a súas novidades recentes.
Amor vermello e escritos sociais e políticos, da socialista e feminista rusa Alexandra Kollontai sae na colección Letras de mulleres, de Sotelo Blanco. En Estaleiro Editora avogan igualmente polo ensaio e nas primeiras semanas de 2009 sacan o Manifesto contra o traballo, do grupo alemán Krisis.