ArchivoEdición impresa

Acceso a suscriptores »

Accede a EL PAÍS y todos sus suplementos en formato PDF enriquecido

viernes, 19 de octubre de 2007
Reportaje:LUCES

Política na Idade do Ferro

Arqueólogos, historiadores e filólogos discuten a pegada celta na cultura dos castros

"Antes de falarmos de canto de celta había na cultura castrexa, habería que definir celta, cultura castrexa e cultura", apón de entrada Pepa Rey, profesora de Prehistoria na Universidade de Santiago. A esta dificultade inicial hai que engadirlle unha "difícil carga reinterpretativa", lembra, en referencia ao peso mítico do celtismo na construción da identidade galega por parte dos precursores e da Xeración Nós.

Segundo a vella tese a que utilizara Manuel Murguía, os celtas avanzaron cara o sur desde Centroeuropa, penetrando na Península entre os séculos X e VII a. C. Tomando os alicerces arqueolóxicos da idea difusionista, Hallstatt e La Tène -Primeira e Segunda Idade do Ferro, ata a conquista romana-, "os castros galegos non teñen esas referencias". "Nese modelo somos os menos celtas", di Rey. A nosa casa circular difire das súas plantas rectangulares, e tampouco temos necrópoles nin guerreiros enterrados". Mais nunha teoría de "celticidade acumulativa", segundo di, a cultura castrexa dentro do marco peninsular "ten a arte máis oposta á da cultura mediterránea".

"É curioso cómo os celtistas seguen esquecendo os castros más antigos, que rachan a teoría das invasións", di Antonio de la Peña

"Que o celtismo fose utilizado ideoloxicamente no pasado non impide achegas científicas agora", opina Antonio Balboa

A profesora, que considera "fallidas" as referencias á orixinalidade ou "endogamia" que tamén se lle atribúen á cultura castrexa, defende a necesidade de desenvolver liñas de investigación que determinen como funciona nos grandes espazos xeográficos que a atinxen, "a Europa continental, o Atlántico e o Mediterráneo".

"Cando chegan os latinos ao Lacio? E os etruscos a Italia?", pregúntase Marco García, un dos autores de Los pueblos de la Galicia céltica (Akal, 2007). García, encadrado no que na pasada década deu en chamarse novo celtismo, xunta Blanca Fernández-Albalat, Francisco Javier González ou Rosa Brañas, afirma que a cultura castrexa é celta "se falamos de cultura en sentido antropolóxico, non material". "É celta porque falaban linguas celtas", di, e fala dunha "necesidade de reequilibrar" arqueoloxía e antropoloxía cultural, "sen confundir artefactos e culturas". "É como se houbese que estudar os castros porque o dos celtas é algo moi evanescente. Así os muros son mureños, e as espadas, espadeñas".

"Que o celtismo fose utilizado ideoloxicamente no pasado non impide achegas científicas agora", asegura Antonio Balboa, autor d'A Galicia celta (Edicións Lóstrego). A Balboa parécelle "curioso" que a visión de Galiza en España sexa "naturalmente celta, mentres os anticeltistas galegos son considerados nacionalistas (galegos)". Balboa cita a Plinio, Mela ou Estrabón como sinaladores de keltikoi ou celtici no noroeste galego: ártabros, nerios, supertamaricos ou praestamarcos (por riba ou debaixo do río Tambre), todos na costa coruñesa. Intentando cinguirse aos castros, apunta ás murallas como punto de fricción. Apontoar a súa celticidade pasa por consideralas ou non defensivas.

A Antonio de la Peña, arqueólogo no Museo de Pontevedra, parécelle "incrible" que a cuestión siga xerando debate. "Temos un proceso cultural autóctono", di. "A cultura castrexa a penas ten relación con Europa, pero si co mundo mediterráneo". "É curioso", di De la Peña, "cómo os celtistas seguen esquecendo os castros máis antigos, que rachan coa idea das invasións". "Hai continuidade con respecto ao Bronce Final, no Ferro só cambian as ramalleiras polos muros de mampostería, e as aldeas fortifícanse. E aí temos que ver que a maioría das murallas érguense en época romana, porque atopamos restos de ánforas". "Iso", di, "non se pode negar". Tamén remarca a ausencia de necrópoles e as "diferencias" dos castros dos antigos callaici con respecto aos celtíberos, cántabros e lusitanos.

Gerardo Pereira, catedrático de Historia Antiga, coordinador para o Museo do Pobo d'O feito diferencial galego, resume: "Aquí sempre dominou un pensamento antropolóxico, non histórico". Sendo "evidente" que non hai un trinomio puro entre lingua, pobo e cultura material, di, o "gran cambio" tería lugar "o día en que o mundo de sentimentos que se transmiten na expresión somos celtas pase a ser transmitido por somos galegos".

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, apunta que "cientificamente" non está todo dito e, se ben o celtismo carece do peso do pasado, "o chamado popular está aí". O novelista Suso de Toro achegouse á cuestión n'O pobo da brétema. Para o escritor, "postos a escoller, eu son de Cuevillas, non de Alonso del Real (catedrático de Prehistoria na Universidade compostelá desde 1955)". "As formas materiais dos castros son celtas", afirma, "negalo é españolista". "Eu non reclamo que Galiza sexa celta, o que combato é que se nos negue ese pasado. O nome do noso país é indoeuropeo, e significa acubillo, casa, porto

[segundo a tradición céltica proviría da deusa Caillaech, muller anciá e sabia]".

Pola vía da lingua, Xosé Luís Rodríguez, catedrático de Filoloxía, nega extremos: "Que aquí houbo celtas, como na Iberia, é difícil negalo", afirma, "pero non podemos confundir pobo con lingua". Un vocabulario cunhas 100 formas que nos chegaron do latín, sobre todo substantivos de flora, fauna e xeografía (entre eles os castros rematados en -briga e as localidades con terminación en -bre ou -be), poderíase interpretar como remanente tanxible das linguas célticas no idioma actual. "Para acougo do posible desacougo", Juan José Moralejo, catedrático de Grego e responsable, desde este ano, da nova materia adicada a Lingüística Indoeuropea, toma nun dos seus últimos textos unha frase prestada das Illas Británicas: "Quizais a única definición real de celta é que celta é, agora e no pasado, quen cre selo".

Atención al cliente

Teléfono: 902 20 21 41

Nuestro horario de atención al cliente es de 9 a 14 los días laborables

Formulario de contacto »

Lo más visto en...

» Top 50

Webs de PRISA

cerrar ventana