_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Entre Australia e Extremadura

O galego é materia de estudio en 43 universidades de todo o mundo

Un total de 43 centros de estudos galegos esparexidos por todo o mundo, 32 deles con lectorados, teñen arestora a misión de incorporar o estudo do galego aos programas das universidades respectivas, xeralmente en forma de lingua e literatura galegas, e organizar actividades de divulgación relacionadas coa cultura galega. De Australia a San Petersburgo e de Bos Aires a Barcelona.

Desde a cátedra de filoloxía galego-portuguesa da Universidade de Barcelona, a profesora Sabela Labraña coordina ademais o proxecto Galauda, orientado cara ao ensino secundario. A posibilidade de incluír unha lingua autonómica nas programacións da ESO ocupa á Casa das Linguas, co pulo do Instituto Cervantes e a Universidade de Alcalá e apoios galegos, vascos e catalás. Para Manolo González, o coordinador científico do Instituto da Lingua Galega (ILGA), trátase de actuar "coma un lobby de presión que fomente o coñecemento do plurilingüísmo no Estado español".

"Os problemas para ensinar galego son a falta de material e un enfoque pasado de moda"
Más información
O difícil acordo asturiano

No que respecta aos centros de estudos galegos, na parte que lle toca á Xunta, o seu orzamento en 2007 foi de 924.162 euros. A razón de 21.000 euros por centro, incluíndo os soldos dos lectores (uns 1.000 euros netos ao mes). É dicir, cada centro dispón duns 6.000 euros anuais para desenvolver as súas angueiras como embaixada galega nunha universidade do exterior.

Non hai aínda censo de alumnos porque, segundo Política Lingüística, "non se estaban remitindo as listas", algo que se intenta enmendar desde 2005. Os lectores falan das dificultades de deseñar un programa docente para unha bolsa de lector "sen saber o destino". E tamén dos atrancos, incluso maiores, por non cotizar por seren bolseiros. Desde este ano estáse intentando solventar esta cuestión con propostas de contrato por parte da Universidade de Santiago, en cofinanciación coa institución de destino, punto no que intervén a influenza do director do centro. A súa elección non obedece a unha clínica específica.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Os vencellos de John Rutherford (Oxford) coa cultura galega son coñecidos, pero ninguén soubo explicar aínda que facía o xeólogo Moisés Ponce de León como director do centro de estudos galegos de Rennes. A poeta Olga Novo, lectora no centro bretón, denunciou a finais de 2005 a edición dun monográfico en castelán adicado a Emilia Pardo Bazán, "entroutras cousas radicalmente alonxadas de calquera visión da lingua e da literatura galegas". "Nunca quixen dar a visión de que todos os lectorados fosen así", subliña. "Pero pareceume que se calaba era cómplice".

Antón Porto, lector de último ano en Berlín, con 20 alumnos en cada semestre, sinala as dificultades de non poder acreditar experiencia docente. Despois de cinco anos en Alemaña (desde este ano só se admitirán estancias de tres anos), desde onde comezou a catalizar o esforzo dos lectores por unificar o traballo e intentar regularizar a súa situación, Porto recoñece que non sabe que fará cando chegue a Galiza. Desde Oxford, María Liñeira engade que precisar se o enfoque do galego é bo ou malo presupón "unha organización inicial da que carecemos". "Cada centro que oferta cursos de cultura e lingua galegas ten total libertade para adaptarse ao seu grupo e cultura meta", di. "Isto a priori é bo, pero dada a escasa formación pedagóxica dos filólogos tradúcese en falta de programación".

"Isto non só nos afecta só a nós, aos universitarios estranxeiros e ás persoas que acoden aos cursos de verán que organizan o ILGA e a RAG", subliña Liñeira. "Desde hai dez anos a porcentaxe de suramericanos en Galiza converteu a docencia dos cursos de iniciación e perfeccionamento nun curso de galego como lingua estranxeira, e non o curso de alfabetización que adoitaba ser". Para a lectora de galego de Oxford, os problemas que ten o ensino de galego a nativos, neofalantes e estranxeiros son os mesmos que hai 20 anos: "A falta de material e o enfoque teórico, claramente pasado de moda".

Segundo Liñeira, Política Lingüística "parece disposta a solucionar o problema". Xa se conseguiu que a lingua galega estea na plataforma ALTE (Association of Language Testers in Europe

). O que se quere crear é un novo sistema de certificacións que avalíe as destrezas comunicativas dos usuarios e que permita clasificalos segundo o seu nivel de competencia nunha escala de contidos baseada no Marco europeo común de referencia para as linguas (aprendizaxe, ensino, e avaliación). Estes Certificados de Lingua Galega (CELGA) están divididos en cinco niveis, por orde de dificultade. O Centro Ramón Piñeiro, en colaboración con Política Lingüística, traballa no homologación dos exames de galego segundo a normativa do ALTE. Xa teñen debullado o CELGA 1. Aínda que a Liñeira lle parece que deben ser as institucións do país as que lideren o proxecto, parécelle necesario facer fincapé na "desidia da empresa privada". "Aquí debería ver, cando menos, un nicho de mercado", afirma.

Política Lingüística traballa tamén na posibilidade de establecer un circuíto cultural galego que puidese itinerar Europa adiante, pero precisan que "non é factible" facelo extensible a todos os centros. Co gallo das Letras Galegas, o ciclo Portugalizando, no que colaboraron o centro galego da Universidade Nova de Lisboa, a Consellería de Cultura e o Instituto de Estudos de Literatura Tradicional, serviu para levar ao sur a Camiño Noia, María do Cebreiro ou Xan Leira, cunha selección da música, banda deseñada e cine galego en formato individual. O primeiro audiovisual galego en chegar á Cinemateca de Lisboa, unha selección de nove curtas, proxectouse o 14 de maio deste ano.

Desde outra perspectiva, hoxe comeza no CEG de Oxford o XII Forum para Estudios Ibéricos, co ciclo Queer, queerer, queerest. no ronsel do que a tradición anglosaxona cuñou como identidades de xénero. Entre o máis próximo a Galiza, a intervención da lusitanista Isabel Morán sobre o Padre António Vieira; Carme Fernández, cunha ponencia sobre Cibrán [o personaxe d'A esmorga] "e o engano da heterosexualidade presumida", e a profesora americana Isabel Castro-Vázquez (Towson University) sobre Manuel Rivas.

"Non se poden homologar programacións culturais", di Antón Porto, "pero ás veces si é posible unificar axendas culturais para os centros galegos". En Tubinga, Trier, Heidelberg e Berlín procuran facelo entre eles.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_