Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:DO TRINQUE / DISCOS | LUCES

O galego e a música lixeira

Entre Trastes, Annie Hall e o Seminario de Jazz estrean disco

"Eu creo que é o primeiro disco de música instrumental de corda dentro do ámbito folk galego", di Xosé Liz, guitarra acústica e bouzuqui de Entre Trastres. O selo ourensán Zouma Records prevé sacar na primeira quincena de marzo o disco homónimo do grupo de Liz, o guitarrista Daniel Vilar (ambos membros de Beladona) e o contrabaixista Álvaro Iglesias, que incluirá músicas bretonas e irlandesas, ademais de composicións propias.

Porén, o disco faise atípico pola súa sonoridade. "En Portugal, sen ir máis lonxe, o Júlio Pereira está afeito a xuntarse con calquera e, simplemente, facer un disco", sinala Liz. "Quizais aquí se bota en falta a experimentación dos pequenos proxectos persoais", sinala o músico, encerellado tamén con Rodrigo Romaní e Anxo Pintos no trío Lizgairo, que debutará máis adiante.

Non se albiscan máis novidades discográficas deica finais de marzo, á espera do primeiro disco dos lugueses Ghaita de Pedra, que xa entraron a gravar no estudio de Arturo Vaquero, e o primeiro traballo en solitario de Rosa Cedrón, a cantante de Na Lúa. No ámbito do jazz, Free Code sacou a finais de febreiro Doris Cales & SPJ-Group, o disco que fixo a cantante de Brooklyn, unha das mellores voces do jazz en España, cos alumnos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Cales gravou oito estándares e dúas composicións propias con Toño Otero (saxo tenor), Nacho Pérez (guitarra), Iago Vázquez (piano) e Xacobe Martínez (contrabaixo).

Se falamos de pop galego, así en xeral, Annie Hall acaba de autoeditar o seu primeiro disco, Haga click para encender. Os ourensáns veñen tocando desde 2003, e agora semella que recorren máis ao pop clásico có ruidismo dos 80 e os seus epígonos estatais. Menos Planetas e máis Teenage Fun Club ou Sugarfree, se falamos de power-pop ourensán (aínda se recorda aquela versión galega de Art School). Puideron fichar por algún pequeno selo indie español, pero decidiron quedar coas cancións. "A vida témola apañada", din.

Pop en galego

A propósito do rock suave, Martin Wu, cantante e guitarrista de The Homens, abandeirados do power-pop en galego, non considera que se estea aparcando o idioma á hora de facer música requintada. "Están Safari Orquestra, Fanny e Alexander ou Projecto Mourente", cita. "Quizais nunca houbo tanta variedade na música galega". Sr. Anido, instructor dos composteláns Jiménez del Oso ou Los Iribarnes, entroutros proxectos paralelos -en galego, castelán, inglés, italiano ou xaponés azougado-, pensa que aínda pesa "o complexo de inferioridade". ¿Hai boa narrativa pop en galego desque marchou a Psicofónica de Conxo? Exemplificar cos cataláns Batiscafo Katiuskas de Cataluña é vantaxista (para eles). "Se falamos de grupos cañeiros si hai exemplos", di Rafael Anido, de nome artístico Sr. Anido. "Pero non se me ocorren moitos se falamos de música lixeira". É posible que os grovenses Nadadora axuden a tapar o burato.

Á espera do seu posible EP en galego, o disco que sacarán en xullo volverá incluír algún tema no idioma do país.

No que atinxe ás novidades da Plataforma A Regueifa, Noel Feáns editará nestas primeiras semanas de marzo o primeiro disco dos ferroláns Sweet Oblivion, en danza post-rock, o punk-folk dos suízos Cenk (cun emigrante galego cantando na súa lingua e nas dos cantóns) e a canción de autor de De outra margem. Se dera tempo, un compilatorio cos discos dos Guezos, folk galego infrecuente. Na petición de síntese, Feáns define a súa música como a duns " Pogues acelerados".

Desde A Regueifa tamén se distribuirán en marzo as primeiras cancións do segundo traballo do filólogo, cantante e guitarrista Leo i arremecághona, que gravou pezas con bandas de gaitas e grupos de punk tradicional. Dez anos despois de Suspiros de Kaña, Leo Fernández Campos reivindica agora o papel do cantautor "á maneira de Albert Pla ou Jonathan Richman", inserido "na nosa tradición retranqueira, de Antón Reixa á Psicofónica". A posta en escena -en tempos podíase vestir de folclórica, pero tamén de gaiteiro politizado- é unha sorpresa.

Punk atmosférico

Cun espírito semellante, os Jiménez del Oso acompañarán a Juanita y los Feos na súa primeira minixira galega, o 16 e o 17 de marzo en Vigo (La Iguana) e Santiago (Cachán). A mestura entre o punk surfeado dos galegos e o garaxe-punk dos madrileños semella interesante. A cantante dos madrileños imita a carismática Mamen Vulpes

e de Jiménez del Oso agárdase calquera cousa. "Expresión humana pura e dura", di Sr. Anido, defensor do retrouso Outro punk é posible.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 2 de marzo de 2007