ArchivoEdición impresa

Acceso a suscriptores »

Accede a EL PAÍS y todos sus suplementos en formato PDF enriquecido

viernes, 12 de enero de 2007
Reportaje:SON GALEGO | LUCES

De Clunia ao Seminario de Jazz

A escola de Pontevedra formou xa 120 músicos e alonga a tradición iniciada nos 80

O jazz galego nace oficialmente en 1982, co debú de Nani García (piano), Baldo Martínez (contrabaixo), Roberto Somoza (saxos) e Fernando Llorca (batería) como Clunia Jazz. Hoxe hai case unha ducia de certames especializados, entre seccións e festivais propios, e unha Asociación Galega de Música de Jazz. De entre as vellas academias de Vigo (Baio Ensamble) e Santiago (Estudio, e despois Drops), sobreviven as compostelás, con engadidos en Pontevedra (A Tempo) e A Coruña (Escola Municipal de Música).

Esquecidos por agora os intentos de Alberto Conde de casar as harmonías do jazz coa música tradicional galega -quizais fracasados pola diferenza de fermentación entrambas músicas- cunha maior aposta institucional -o jazz como música culta- e unha academización máis sinxela, Galicia produce máis jazz ca nunca. SOS Trío (Virxilio da Silva, Max Gómez e Xosé Ferro), Sunrrá, Xacobe Martínez, Marcelino Galán (con Virxilio da Silva, un dos poucos guitarristas de jazz galegos), Abe Rábade, Paco Charlín... Convivindo con Roberto Somoza (Regra de 3, 2002) ou coa Atlantic Band de Fernando Llorca. A finais de febreiro sairá Jazz in Galicia vol. 1, no cuarteto compartido de Abe Rábade, Paco Charlín, John O'Gallagher e Jeff Williams, un experimento con temas propios dos tres primeiros. Polas mesmas datas, Free Code (despois de Xingra, o único selo especializado) sacará tamén May?s idea, dos Ten Jazz Men, músicos do Seminario Permanente de Jazz (SPJ) de Pontevedra. Entre eles, Pablo Castaño (saxo alto), Xabier Pereiro (trompeta), Toño Otero (saxo barítono) e Iago Fernández, un batería de vinte anos.

"Laiámonos polo himno en flamenco e subvencionamos todo o que remate en fusión"

Como aposta de innovación desde a didáctica do ensino, a do SPJ é a máis recente. E vale para vehicular un dos problemas do progreso, que ancheou a base musical de moitos instrumentistas galegos a un tempo (como síntese, a polémica escolla das bases de acceso á docencia na especialidade de jazz, recén aberta este ano no conservatorio coruñés). O SPJ nace en Cangas hai sete anos, da man de Luís Carballo, e o proxecto acabouse ampliando para trasladalo a Pontevedra en 2001. Os seus directores artísticos, Paco Charlin (compositor e baixista, premio Charles Mingus en Berklee no 2000) e Abe Rábade, editan un disco por promoción e levan á escola -a matrícula anual custa 700 euros-, en formato master class, a músicos como Jaleel Shaw, Victor de Diego, Raynald Colom, Ramón Cardo, Jeff Williams, Ze Eduardo, Javier Vercher, Donald Edwards, Joao Moreira ou Brannen Temple. Os máis de 120 alumnos que pasaron xa polo SPJ tocan coma se estivesen nunha banda, unha novidade de seu.

Máis consenso

"Sen músicos como Suso Atanes [maxisterio á parte, Atanes gravou en Barcelona o seu célebre disco Siguiendo los pasos, co 2x2 Quartet, a mediados dos 80] ou Miguel Guerra en Pontevedra, non teríamos feito nada", di Charlín, quen considera que nos últimos anos "estamos espertando dese mal soño que vivimos ao incorporarnos á escea estatal". Desde a súa posición de coordinador, Carballo opina que aínda hai pasos cambiados. "Para facer jazz galego non hai que facer muiñeiras. Se facemos o himno galego aflamencado laiámonos, e logo subvenciónase calquera cousa que acabe en fusión. Hai que apostar por xente de aquí e conseguir que esa xente estea á altura da de fóra. Os alumnos que saíron do SPJ triunfan na Escola Superior de Jazz de Euscadi, na de Cataluña e en Porto".

A ausencia dunha formación regrada -a escola de jazz catalá comezou a expender títulos en 2006- e a desorde na programación dos festivais -Lugo e Ourense competindo a un tempo con Guimaraes- simboliza, segundo Carballo, "unha das maiores penas deste país". "Andamos esparexidos porque non se conseguiu consensuar un proxecto que nos abranguese a todos", di. "O dos circuítos intentouse facer desde Cultura e non houbo maneira. Concellos e deputacións por tras, personalismos... ". Como as críticas son de pro e de retro, aos do SPJ ténselles acusado de elitistas. "Nós só queremos que se conte con todo o mundo", di Carballo.

"A relación cos maiores é correcta pola nosa parte. Non queremos entrar en ningún tipo de polémicas", asegura. "Non por nacer antes ou ser pioneiro che teñen que dar... Sen o anterior non habería agora este nivel. Pero por sorte o nivel subiu, e todos estamos involucrados".

Atención al cliente

Teléfono: 902 20 21 41

Nuestro horario de atención al cliente es de 9 a 14 los días laborables

Formulario de contacto »

Lo más visto en...

» Top 50

Webs de PRISA

cerrar ventana