Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
BOTELLA AO MAR | LUCES

Mentiras, drogas e flamenco

O MEMORIAL DO HOLOCAUSTO EN BERLÍN ideado por Peter Einsenman. Ese espazo sepulcral crea un centro grave na cidade, un burato que traspasa o noso mundo, o presente, e conéctao co outro mundo, o mundo dos mortos. É un lugar que trascende.

QUE CONTRASTE COA BANALIDADE QUE O MESMO ARQUITECTO constrúe entre nosoutros, esa Cidade da Cultura trivial, espectacular. Manifestación obscena da sacralidade do poder e do diñeiro empregado da forma máis salvaxe. A cultura como deshumanización.

E, CON TODO, CANDO HABÍA QUE DICIR ISTO, cando se aprobou ese capricho daquel vello-neno ególatra e bulímico os que agora levantan a voz denunciando o disparate daquela calaron como petos.

PORQUE OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN NO NOSO PAÍS na súa maioría foron cómplices.

O XENOCIDIO DOS XUDEUS E XITANOS EUROPEOS DEBE SER LEMBRADO, non aceptamos que se negue, que se queira matar esa memoria. As palabras que minten matan simbólicamente. Cada mentira rouba e mata un cacho de realidade. E quen nega ese xenocidio volve asasinar simbólicamente a millóns de persoas. Elimina as súas vidas, elimina mesmo até a lembranza de que existiron. É matar máis aló da mesma morte.

A POLÍTICA RACISTA DE ISRAEL COS PALESTINOS non xustifica iso. Nin o xenocidio xudeu xustifica a política criminal contra o pobo palestino nin tampouco esa crueldade xustifica a negación do xenocidio xudeu.

QUE BARCELONA É 'PERIFERIA' é un disparate. Mais dío sen malicia ningunha, mesmo con simpatía, un comentarista na radio, persoa moi asisada e sempre cortés. Que non dirán os atolados e maleducados.

PERO QUÉ DROGA TOMA TANTA XENTE DOS MEDIOS MADRILEÑOS? Se Barcelona, tan perto sempre de París e da Europa, unha das tres ou catro cidades europeas máis vivas, é periferia para os ideólogos en Madrid daquela, cal é o centro? O provincianismo centralista, ese é o centro. Mágoa.

'POR UN MADRID FEDERAL Y ABIERTO' titulei hai anos unha tribuna nun xornal madrileño. Segue a ser unha consigna. Pode que utópica.

FLAMENCOS NO PARLAMENTO GALEGO. O noso Parlamento quixo dicir que somos un país e unha cultura aberta. A intención non é mala, mais sempre o fomos, non hai por que andalo dicindo. Con todo, ningún país que se estime a si propio faría no seu Parlamento unha versión do himno nacional nin flamenca, nin hip hop, nin batutsi. Ningún.

SÓ NO PAÍS DOS GALEGOS CABE ALGO ASÍ. Só un país que teña interiorizado que a súa identidade é un problema, unha enfermidade, algo do que se hai que excusar.

- GAITEIROS NO ANDALUZ? Nunca no Parlamento andaluz tocarán o seu himno con gaitas galegas.

SOMOS GALEGOS, GALEGAS. E que carallo, que cona, pasa?

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 22 de diciembre de 2006