_
_
_
_
_
Entrevista:LUCÍA ALDAO | Poeta | LUCES

"Dame medo o papel"

Antes de Lucía Aldao chegou a voz. A súa é unha voz desfiañada e penetrante, delicada e húmida como o Me & Bobby McGee de Janis Joplin, a quen interpreta polos bares para chegar a fin de mes. Lucía Aldao (A Coruña, 1982) leva un terzo da súa vida cuspindo poemas. O seu nome circula de boca en boca pero non se consagrou aínda en ningunha lapela. No fondo, teme ao papel. Di que os seus poemas nacen da sonoridade da palabra e da intensidade das historias que narra e, talvez, enmudezan ao se tatuar na celulosa. "Hai tanta xente que me pregunta cando sacarei o libro que me sinto un pouco presionada. Estou tentando poñer orde nos poemas, darlles un corpo e unha coherencia para presentalos a un premio literario". ¿E o título? "Iso si que non o vou dicir. É o único que se descoñece do poemario".

Más información
Mil 'rosalías' máis

O rostro da poeta perdeuse durante anos nos cristais embazados de suor e humidade dos buses de Elviña. A liña universitaria da Coruña escoitou o remoer dos seus poemas e, ás veces, un frenazo a tempo sostivo no aire a liña de fuga dun verso. Podía ser de Lucía Aldao pero tamén das coruñesas Emma Couceiro ou Yolanda Castaño quen, xunto a Estevo Creus ou Luísa Castro, marcaron o seus pasos iniciais na literatura. Tamén a Velvet Underground, os Beatles, a Mandrágora, Almodóvar ou Tim Burton. Pregúntolle que ten o Nordés que zoa en Elviña para tanta creatividade. Ela mófase: "O aburrimento. A min a facultade aburríame, por iso pasaba tanto tempo na cafetería".

Deixouno. Logo comezou Corte e confección e Patronaxe industrial. Pregúntolle como se miden os altos de tela dos poemas, como se calibran os centímetros das bastas, como se amañan os setes deixados polas palabras ausentes. A poeta modista deixa de sorrir de súpeto. "Non o sei. Simplemente sae". Logo afirma que un poema nunca vén en anacos. "Escribir suponme un terrible exercicio de concentración. Podo estar cismando no poema durante meses ata que un día necesito botalo fóra. Entón déixoo saír sen tachaduras e quedo cunha satisfacción intensa, unha sensación física de baleirado. Son poemas de amor, historias que nacen das vivencias. Busco a narración, non a evocación. E lévoo ao extremo. Son unha poeta da esaxeración".

Da necesidade de compartir nacen os espectáculos creados coa tamén poeta María Lado e coa actriz Pepa Yáñez, que mesturan teatro, música, videocreación e poesía. "Queremos desmitificar a poesía, pero é un exercicio máis simpático que provocador. A nosa poesía é moi triste en xeral. A imaxe que se deu de Rosalía non se corresponde coa súa obra. Claro que interesaba así, chorona era máis dócil".

Arrastrada por unha indecisión constante, Lucía Aldao multiplica o futuro. "Quero vivir de escribir. Estou facendo guións de audiovisual e letras de cancións. Teño moitas ganas de experimentar". O que teima en agochar é o título da súa agardada ópera prima no mundo editorial. Aínda que, talvez, xa estea aquí.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_