_
_
_
_
'STORYBOARD' (Capítulo VI) | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A viaxe ao paraíso inquedo

Manuel Rivas

Gaston Bachelard definiu o mundo pintado por Chagall como "o paraíso inquedo". Eu non sabía entón nin da filosofía poética de Bachelard nin da pintura marabillosa de Chagall, mais coñecín ese lugar de neno e nel medrei. Un paraíso en vilo, duro, con nome de campo de batalla, pero verdadeiro. Era Castro de Elviña.

Meu pai estaba contente por ter construído alí, coas súas mans, o que chamaba ao xeito venezolano un ranchito. Unha casiña dunha planta na ladeira do monte. Xusto foi poñer a porta, que fixera meu avó, o día da gran nevada de 1963. Atravesou coa porta ao lombo polo río Monelos e o camiño de ferro. Fomos os tres, o avó carpinteiro, que levaba o marco, o pai coa porta, e o pequeno contando os pasos. Había que facelo. Había que pór o loureiro. Había que ter casa propia. Mais a definición de meu pai era esta: "Hai que vivir nun lugar onde non se escoite o veciño tirar da cadea do váter".

O policía ficou aloulado. Acababa de descubrir que non todos os celtas galaicos morreran no Medulio

Ao primeiro, miña nai Carmiña, miña irmá María e mais eu non estabamos tan convencidos con aquel éxodo bíblico do Monte Alto a outro monte aínda máis alto, con camiño de terra, por onde baixaba torrencial a chuvia, e sen transporte ningún. Para viaxar á cidade, había que percorrer unha longa distancia até a Avenida (de Alfonso Molina) e alí agardar pola Cucaracha, o autobús que viña ateigado de xente das Mariñas, e que facía honor á peza que moitas veces cantaban os pasaxeiros: "La cucaracha, la cucaracha, / ya no puede caminar / porque no tiene, porque le faltan / las cuatro ruedas de atrás". Tería de pasar moito tempo até que soubemos a verdadeira letra da popular canción mexicana: "Porque no tiene, porque le falta / marihuana que fumar". Moi perto da parada acababan de inaugurar a fábrica da Coca-Cola. Un edificio moi lucido, todo feito de vidro (co que Albalat revolucionou a arquitectura galega). Mentres non chegaba fungando, a ranquear, a Cucaracha, mirabamos abraiados como as fileiras de botellas da "chispa da vida" entraban baleiras por unha banda e saían cheas pola outra sen a presenza de ningún humano. Aquilo si que era "realismo máxico", carallo!

Tiveramos que marchar da rúa Marola urxidos, nun rápido desaloxo. Os donos tiñan outro destino para o baixo, e non deron tempo ningún para a mudanza. Lembro que miña nai foi onda eles para parlamentar unha moratoria. Levoume con ela. Era moi tranquila, mais ese día podía sentir na man, desbocado, o pulso do seu corazón. Recibiunos a dona, sen pasar do vestíbulo. Era unha muller enxoiada e tesa. Miña nai soltoulle algo parecido aos versos da xustiza pola man de Rosalía. E aquela muller chamou a berros polo home. O sorprendente foi que o que apareceu era un homiño cun mandilón de cociña. A muller encirrábao contra miña nai, mais el tremía, falaba cun fío de voz. Non se sabía de quen tiña máis medo, se da inquilina irada ou das ordes da súa muller. O caso é que Carmiña mirou en fite piadoso para aquel home que tatexaba, colleume da man e marchamos sen mais. Ela foi o camiño de volta falando soa. Agora o que podía sentir na palma da man era o bulir do sirventés das súas palabras.

Mentres meu pai avanzaba na auto-construcion, naquel anaco de monte que mercara coa axuda de Simón Bolívar, fomos vivir uns meses á casa de meus avós paternos, o carpinteiro e a costureira. Estaban tamén nun monte, no Martinete, a carón do Birloque e da Cabana, e do que hoxe xa non queda case pegada ningunha. Meu avó ía traballar como operario fóra, tiña tamén un pequeno obradoiro no baixo da casa e os domingos atendía unha leira a carón do río de Monelos, que seguía polo verxel da Granxa, e que desembocaba no porto coruñés. Daquela tiña vida. Eu teño visto anguías. Mais tamén o río desapareceu. Debe ser un dos poucos casos no mundo no que as autoridades decretan a desaparición dun río. Un dos veciños do Martinete era un mudo que tiña barbas e coido que se chamaba Fidel, ou así o nomeaban. Era un bo compañeiro do meu avó carpinteiro, moi calado e que de cando en vez, sempre con razón, dicía: "Boh!". Un día avariouse a fonte. Non botaba auga polo cano. E o mudo, que era moi competente, comezou a explicar o problema á rolda de veciños. Non usaba palabras, mais era extraordinaria a elocuencia con que se comunicaba. Tan elocuente era que cando o mudo rematou a explicación o cano xa botaba. E eu fiquei convencido de que fora el, coa enerxía do seu corpo falante, o que convencera a auga de volver.

E chegou o día da nevada. O de levar a porta. O de ter un fogar propio.

Naqueles eidos está agora situada a Universidade da Coruña. En propiedade, debería chamarse Universidade de Castro de Elviña. Esa foi unha das primeiras cousas que me aprenderon. Que unha cousa era Castro e outra A Coruña. Aquí, onde calquera vilarello, anhela o brasón de cidade, Castro é o único caso que coñezo onde se reivindicou o orgullo de sermos aldea. E así se fixo cando se constituíu a primeira asociación de veciños. A xuntanza fora na taberna de Leonor. O gobernador daquela mandou un policía de paisano. Daba o cante porque era a única gravata na reunión. Sentou e comezou a tomar nota de cada cousa que se dicía. Mais deixou de escribir cando a asemblea acordou por unanimidade o constituirse como aldea. Nada de barrio. O policía ficou aloulado. Colleu os papeis e marchou. Coido que acababa de descubrir que non todos os celtas galaicos morreran no Medulio.

Nós, iso, o de que estabamos nun almeiro da Terra, soubémolo axiña, ao pouco de chegar. Íamos prender as raíces nun territorio que semellaba hostil. Os cans andaban ceibos e tentaban morder as nosas sombras de descoñecidos. Miña irmá e mais eu non nos atreviamos a saír do reduto. O único que nos tranquilizou aquela noite era ver a luz do faro. Estaba máis lonxe, pero por iso víase mellor. O seu lampo circular percorría o fusco até entrar pola nosa fiestra. Ao espertar e saír fora vimos que o monte todo estaba pintado de cores. As lavandeiras tenderan a roupa. E as nenas dos Barreiro, as fillas de Pepe e Maruxa, estaban na pena do Cuco. Entre outras cousas, soubemos que viña o carnaval. E que no campo de fútbol, o martes de Entroido, ía pasar algo que non pasaba en ningunha parte do mundo.

-E que vai pasar?

-Que aquí xogan as mulleres! -dixo Beatriz sorrindo.

E aí empecei a entender que estabamos no paraíso. No paraíso inquedo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_